Venres. 26.04.2024
El tiempo

A Biblioteca Rego da Balsa, entre as 5 máis utilizadas de Galicia

A Biblioteca Rego da Balsa, entre as 5 máis utilizadas de Galicia
Biblioteca Rego da Balsa

Non para a Biblioteca Rego da Balsa de Carballo. Falandouros, obradoiros, concertos, presentacións de libros, proxeccións, encontros con blogueiros… Inaugurada hai apenas 2 anos, é unha das bibliotecas con máis vida de Galicia. Así o refrenda a estatística da Rede de Bibliotecas de Galicia, sinalando que a Rego da Balsa é a quinta biblioteca do sistema Rede Meiga que máis empréstitos tivo no ano 2015, ademais de ser a terceira en número de prestararios activos, con 2.127 rexistrados en 2015 e 1.626 que levaron libros de cotío, cunha porcentaxe moi elevada respecto doutras instalacións galegas.

Os datos foron presentados polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, que destacaron o uso dunhas instalacións, pensadas "para facer unha biblioteca viva para que a xente goce da lectura e do libro" ademais de para ofrecer unha "programación cultural estable”. Esta percepción está avalada polos datos, con 3.271 usuarios e usuarias rexistrados a 31 de agosto de 2016 e 70 actividades celebradas no que vai de ano con máis de 2.800 asistentes.

A rede de bibliotecas de Carballo, formada pola Biblioteca San Xoán Bautista, a Rego da Balsa e a Ludoteca, conta cun total de 47.159 exemplares nos seus fondos bibliográficos e entre as dúas bibliotecas rexistráronse 19.653 empréstitos en 2015 (con 14.915 na Rego da Balsa e 4.737 na San Xoán Bautista). Estas cifras, explica Ferrero, non só amosan que "o espazo cumpre todas as funcións para os que foi concibido", senón que "a empresa concesionaria responsable da atención ao público tamén cumpre coa concepción que se lle quixo dar”.

Horario ininterrumpido a partir de setembro

Para seguir apoiando a Biblioteca Rego da Balsa, dende o 1 de setembro as instalacións contan con horario ininterrompido, de 10.30 a 20.30 horas de luns a venres e o sábados de 10.00 a 13.00 horas, atendendo as demandas de moitos usuarios e usuarias. Comeza o curso sumándose ao horario ininterrompido que dende o ano pasado xa existe na Biblioteca San Xoán Bautista, que abre de 9.00 a 20.00 horas de luns a venres.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios