Sábado. 27.07.2024
El tiempo

A carballesa Luz Cures leva o Premio xornalístico de lingua da casa

A carballesa Luz Cures leva o Premio xornalístico de lingua da casa
Luz-Cures-Vazquez gana o Premio Xornalistico da lingua de Carballo

Un ano máis, o activo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo fai entrega do XI Premio a artigos xornalísticos de lingua. E este ano, é unha carballesa, afincada en Bertamiráns, a que leva o galardón. E faino co seu artigo “Etiquetaxe”, que poderemos ler o domingo 17 de maio en QPC, así nos outros 8 medios que colaboran no certame: Diario de Bergantiños, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Praza Pública, Sermos Galiza e Tempos Novos.

A filóloga e profesora recibirá ademais o premio de 1.000 euros tras ser escollida polo Xurado por diante dous outros 36 traballos xornalísticos adicados á nosa lingua. Segundo indicou o xurado na acta, o recoñecemento deste artigo débese «á súa clara mensaxe baseada en persoas e situacións reais, cun estilo innovador e orixinal, cunha mensaxe positiva e de construción, propondo borrar prexuizosas etiquetas existentes socialmente sobre o uso do galego».

Un certame que mantén moi presentes os seus obxectivos, como son promover a reflexión sobre a situación social da lingua, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o idioma galego e promover o seu uso na prensa escrita.

Luz Cures

Luz Cures Vázquez (Carballo, 1979. Na actualidade veciña de Bertamiráns, Ames) preséntase do seguinte xeito: «Nacín no 79 en Carballo, nun barrio humilde onde todos os pais estaban emigrados e onde as mulleres nos educaban co exemplo. O meu barrio foi fonte inesgotable de anécdotas e encheume a cabeza de ideas que algún día hei de escribir. Fíxenme filóloga porque me gustaba a literatura, aínda que tamén me valía ser política, xornalista ou calquera cousa que me permitise falar arreo e ler canto caese nas miñas mans. Agora dedícome á educación regrada, aínda que polo medio anden mil cousas. Facéndoo o mellor que podo».

Cures únese a unha boa listaxe de premiados/as autores/as como Xurxo Fernández Carballido, Olga Patiño Abeixón, Ana Rodríguez Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera Fociños, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, María Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde, Carlos Callón, Mariña Pérez Rei ou José Casás.

Novas relacionadas

Máis novas sobre a lingua

Fonte

  • Redacción de QPC ([email protected]).
  • Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Carballo.

Comentarios