![culturgal]()
Espazo de Arte Contemporánea dentro do Culturgal
Esta fin de semana terá lugar na cidade de Pontevedra o Culturgal; a feira das industrias culturais que se celebra ano tras ano á beira do Lérez. Alí estarán representantes de moitos concellos da Costa da Morte e entre eles o de Carballo con proxectos como Derrubando Muros con Pintura, Festival Internacional Outono de Teatro-FIOT e Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay-CIP. Estes tres proxectos terán unha visibilidade especial no stand carballés, no que, ademais, como é habitual, estará presente o Pan de Carballo durante toda a feira.
O día grande de Carballo será o sábado. Para as 12 horas, no espazo de arte contemporánea, está prevista a presentación do proxecto Derrubando Muros con Pintura coa participación da técnica de turismo do concello de Carballo - Maite Parga -; a
escritora Rosalía Fernández Rial, que falará sobre o libro publicado por Engaiolarte como unha das autoras participantes, e os artistas plásticos Emi de Las Heras e Mou, que falarán sobre Derrubando Muros con Pintura e Rexenera Fest, respectivamente.
O mesmo sábado pola tarde o stand do Concello de Carballo será escenario dun taller de grafiti impartido por Mou, que pintará unha reinterpretación do seu mural A orixe, máis coñecido como “o buzo”.
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Concello de Carballo