A Costa da Morte, todo un proxecto no Museo de Mar de Galicia
O Museo do Mar de Galicia, Vigo, inaugura mañá venres 4 de febreiro ás 20:00h, a exposición Proxecto Costa da Morte, e que xa estivo no Faro de Fisterra o pasado verán. Trátase da primeira das dúas mostras sobre esta comarca que acollerá neste 2011.
A mostra está comisariada por Manuel Sendón, do que xurdiu a idea de convidar aos artistas a “traballar na comarca sen ningunha esixencia narrativa ou descritiva”. Manuel Sendón, é un reputado fotógrafo afincado en Sardiñeiro, que leva o nome da Costa da Morte por todo o mundo.
Bonito 18 de xaneiro de 1960, de Fran Herbello
Baixo o título de Bonito 18 de xaneiro de 1960, Fran Herbello lembra, ao mesmo tempo, aos 11 tripulantes do pesqueiro Bonito, que afundiu nesa data preto do cabo de Fisterra, e ao seu avó, finado anos antes en circunstancias semellantes e ao que o artista nin sequera chegou a coñecer. O seu traballo baséase nas imaxes destes 11 mariñeiros desaparecidos, pero empregando unha liña de traballo moi distinta á da fotografía tradicional. Neste caso, o artista deixa que o sol produza directamente as imaxes sobre teas negras coma as empregadas para o loito no rural galego. O sol, a través das tramas realizadas a partir das fotografías de carné dos mariñeiros, branquea os tecidos permitindo percibir as diferentes texturas nas teas negras.
A mostra foi concibida como unha instalación na que as teas penduradas na parede dialogan coas caixas, que funcionaron coma chasis fotográficos, deitadas no chan, lembrando ás sepulturas do adro das igrexas e restituíndo dun xeito simbólico a sepultura que o mar lles negou.
Ara Solis, de Luis González Palma
Os dormitorios mestúranse con maquetas de barcos na aposta de Luis González Palma. As mantas simulan o mar sobre o que se pousan estas reproducións, pero sen chegar a confundir ambos escenarios, pois o mobiliario do dormitorio aparece totalmente recoñecible. Así, traballa coa capacidade de evocación do público, que ten, así mesmo, a posibilidade de intervir escribindo en postais que están á súa disposición na mostra, o que lles suxira a obra e as súas ideas e experiencias en relación coa temática abordada.
A exposición complétase coa imaxe dun tipo de barco que entre os séculos XVIII e XX cruzaba o océano. Neste caso, a maqueta luce sobre unha cama da Arxentina –fronte ás outras estancias, que evocan escenarios pertencentes ás típicas vivendas mariñas galegas-, o que serve para simbolizar a estreita relación existente entre o devandito país e Galicia, nomeadamente no caso de Fisterra.
Calquera saída se pode converter nun encerro, de Graciela Sacco
A arxentina Graciela Sacco completa a mostra con Calquera saída se pode converter nun encerro, onde reflicte a través dun mural os significados tan diferentes que o mar pode adquirir e os sentimentos tan encontrados aos que da lugar. Así, detense na importancia que ten o mar como medio de vida nesta bisbarra, así coma no feito de que se trata dun elemento vencellado á emigración e, deste xeito, causante da separación dos seres queridos e, en ocasións, tamén da morte.
A isto engade un vídeo que rompe coa tradicional pantalla de proxección plana, unah filmación do mar que afonda na relación entre as imaxes e os obxectos ata producir unha nova dimensión.
Máis información
- proxectocostadamorte.wordpress.com.
- O Museo do Mar de Vigo abre un ciclo de exposicións coa Costa da Morte de protagonista.
- O Pano de Fondo de Ramón Caamaño.
- Proxecto Costa da Morte: Convertendo a Costa nun espazo de creación .
- Nota de prensa do Museo do Mar.