Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A Danza contemporánea invadirá Carballo por Primavera

A Danza contemporánea invadirá Carballo por Primavera
Presentando o programa Carballo EnDanza 2014

Novo programa cultural do Concello de Carballo deses que serven de exemplo para o resto da bisbarra. Desta volta, toca "Primavera enDanza", programa que cumpre doce anos achegando a danza contemporánea ao público carballés e da comarca.

Un programa presentado polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a Concelleira de Cultura, Mar Eirís; o director da Agadic, Jacobo Sutil; e a bailarina Rut Balbís, presente en dous dos espectáculos do programa. Trátase dun programa dirixido a todos os públicos, que desta volta inclúe unha cita do ciclo En Familia e que pretende ofrecer "propostas próximas a todo tipo de espectadores" para "romper coa imaxe elitista da danza", tamén segundo Eirís.

O programa desenvólvese entre o 4 e o 13 de abril e inclúe cinco propostas doutras tantas compañías, tres galegas e dúas de Madrid.

E para que vexades de que van esta nova liña de danza, aquí vos deixamos ca actuación da bailarina galega Rut Balbís durante a presentación de onte. Impresionante:

Venda de entradas e bonos a partir do 25 de marzo

Existe a posibilidade de mercar un bono para asistir aos cinco espectáculos de danza contemporánea do programa Primavera enDanza. O bono ordinario ten un prezo de 15 euros e o bono especial con desconto de 12 euros. As entradas poden reservarse no 981 704 300 ou nas oficinas do primeiro andar do Pazo da Cultura cun límite de catro entradas por persoa. Tanto os bonos como as entradas están dispoñibles a partir do martes 25 de marzo en horario de 11.00 a 14.00 horas. Tamén é posible adquirir as entradas no despacho de billetes do Pazo da Cultura dúas horas antes do inicio de cada actuación.

Programa

- Venres 4 de abril, 21:00h: Cristina Montero & Rut Balbís - "Momento Blooming". Dúas bailarinas excepcionais teñen a solución aos teus problemas financeiros. Unha ocasión única, na que o corpo, o movemento, a música e a danza xúntanse para facer un cóctel anti crise. Entrada ordinaria: 3€. Entrada reducida: 2€. Duración prevista: 50 minutos.

- Sábado 5 de abril. 20:30h: Pentación SL - "Return". Chevi Muraday- Premio Nacional de Danza 2006- fundador da compañía Losdedae, e Marta Etura, unha das máis destacadas actrices do noso cine actual e tamén bailarina, únense para este proxecto no que a danza e a palabra dialogan nun mesmo plano. Entrada ordinaria: 5€. Entrada reducida: 3,5€. Duración prevista: 50 minutos.

- Venres 11 de abril. 21:00h: Cía Licenciada Sotelo - "Silencio, por favor". Despois de traballar en diferentes producións de danza e teatro, Nuria Sotelo crea a súa propia compañía en 2011. Este é o seu sexto traballo estreado hai só unhas semanas no Festival Alt de Vigo. Ruído e silencio son os protagonistas desta coreografía. Entrada ordinaria: 4€. Entrada reducida: 3€. Duración prevista: 60 minutos.

- Sábado 12 de abril. 21:00h: Centro Coreográfico Galego - "Full House". Dous importantes creadores de danza contemporánea de prestixio internacional son os responsables da última produción do Centro Coreográfico Galego, o sueco John Inger e o francés Amaury Lebrun, que crean cadansúa coreografía para a unidade de danza da Consellería de Cultura. Entrada ordinaria: 3€. Entrada reducida: 2€. Duración prevista: 60 minutos.

- Domingo 13 de abril. 19:30h: Aracaladanza - "Constelaciones". : "Constelaciones" é o nome do soño de Aracaladanza inspirado na obra creativa do pintor Joan Miró. Fiel ao espírito desta compañía madrileña de danza contemporánea que xa ten visitado Carballo en varias ocasións, cinco bailaríns buscan transmitir as emocións do universo do pintor no que as cores teñen movemento nun espazo indefinido. Entrada ordinaria: 5€. Entrada reducida: 3,5€. Duración prevista: 50 minutos.

Máis información

Fonte

Comentarios