domingo. 11.05.2025
El tiempo

A música, os libros e o cinema cítanse na #AxendaCostadaMorte

A música, os libros e o cinema cítanse na #AxendaCostadaMorte
Chega unha nova fin de semana cargada de actividades (para todos os gustos) na Costa da Morte. Actividades que van dende o verbeneo ata outras citas máis culturais como a #prazadoslibros de Carballo ou os Premios Fouciño de Baio. Sen esquecerse deses edificios emblemáticos da bisbarra que durante os meses de xullo e agosto ofrecen visitas guiadas teatralizadas (da man dos Quinquilláns) como son as Torres do Allo, o Castelo de Vimianzo e o Dolmen de Dombate. Antes do repaso polas principais citas destes días na Costa da Morte, lemos o parte costeiro de 4gotas. com. A fin de semana chega cun tempo moi distinto entre o norte da Costa da Morte (zona de Bergantiños) e o sur (entre Fisterra e Muros). As mañás estarán con moitas nubes e a medida que avance a mañá, tanto a de hoxe coma a de mañá, haberá moito sol no litoral sur con máximas ao redor dos 25 grados. No interior, abriranse claros, pero no litoral norte estará moi pechado de nubes gran parte do día, só con claros no mediodía e uns 20-21 graos. O domingo haberá máis nubes. Algún orballo no norte e só claros puntuais no mediodía no litoral sur. Polo tanto, para gozar da praia está claro que zona se debería escoller. En calquera caso, atentos á web de 4gotas.com porque o prognóstico do domingo aínda non é 100% fiable.

Festas

  • En Soesto (Laxe) arrancan hoxe tres días de festa. Comezan cunha gran sardiñada e con moita música durante toda a fin de semana.
  • Festas do Carme en Santa Sabiña (Santa Comba). O domingo, día 9, a orquesta Acordes e o grupo Imperio poñeranlle as notas musiciais das festas do Carme que se celebran na parroquia xalleira de Santa Sabiña.
  • Faguía de Carnés. O domingo a parroquia vimiancesa de Carnés celebra unha das festas con maior tradición da Costa da Morte; a faguía na que se repartirán un par de milleiros de quilos de callos. E xa os luns 10, martes 11 e mércores 12 de xullo, troula coa festa de San Cristovo de Carnés.
  • San Cristovo de Baio. O luns e o martes, Baio celebra as súas festas de san Cristovo que arrancan coa tradicional procesión de coches.
  • En Mallón, Santa Comba, celebran tamén dende o luns ata o mércores as festas de San Cristovo nas que os actos litúrxicos se misturan co verbeneo.

Premios Fouciño

Praza dos Libros

  • Dende hoxe e ata o domingo, o xardín municipal de Carballo acolle a feira da creatividade por excelencia; #prazadoslibros. A praza estará aberta de 11 a 14 e de 18 a 22 horas con descontos do 10% e con sorteos diarios de libros. Entre o pregón de Manuel Rivas e a homenaxe a Paco Souto desenvolveranse catro xornadas de actividades para todos os públicos e que van moito máis alá da literatura.

Exposicións permanentes

  • Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar todos os días da semana en horario de 10:30 a 14 horas e de 16 a 19 horas. Os domingos de xullo e agosto, ás 13 ás 17 horas Roi e Elvira conducirán as visitas guiadas teatralizadas do Castelo de Vimianzo.
  • As Torres do Allo, en Zas, abre todos os días (de luns a venres de 11 a 20 horas e sábados e domingos de 11 a 21 horas). Ademais, o pazo acolle unha mostra de pezas de Olería de Buño e ofrece visitas guiadas gratuitas ás 13 e ás 17 horas. O domingo, ás 19:30 horas, haberá visita guiada teatralizada da man de Os Quinquilláns.
  • No dolmen de Dombate ofrécense visitas guiadas todos os días de 10:30 a 14 e de 16 a 18:30 horas. Os Quinquilláns guiarán as visitas teatralizadas todos os sábados do mes de xullo e agosto ás 17:30 e ás 19:30 horas.

Outras citas

  • Xornadas Muros mira ao mar. A artesanía, a gastronomía, a música, o teatro de rúa e moitas actividades máis terán lugar esta fin de semana conmotivo da XIII edición de Muros mira ao mar.
  • Comarea Electronic Festival. A praia muxiana dos Muíños acolle mañá un festival de música electrónica no que soarán nomes como  Dennis Ferrer, Edu Imbernon, Terrence Parker, The International DJ Extraordinaire, Cora Novoa, Nasser Baker, Isma B., Bárbara Lago, Sergio Capelán e Edgar Cal & #Skais.
  • Concerto en Corcubión. Álex López & Un Calquera (Elías Outes) actúan este sábado á noite na Gavilla de Corcubión.
  • I Entroido de verán en Fisterra. Os Rapacollóns, a afección verde da SD Fisterra, teñen todo preparado para o I Entroido de Verán de Fisterra. Unha cita que terá lugar este sábado xa dende as 12 da mañá.
Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)

Comentarios