A última #AxendaCostadaMorte de 2017
07:46 29/12/17
Segunda fin de semana de Nadal, cunha bisbarra chea de emigrantes que volven a casa para pasar uns días ca familia. A fin de semana de fin de ano ademais. Días nos que poderemos achegarvos a ver os Beléns da volta, como o xa famoso Belén de Corcubión.
Pero antes de repasar as citas da quepasanacosta.gal/axenda e de ver o programa municipal de Nadal do noso concello, imos ver como vén o tempo para esta finde pasada por auga, gracias ao parte de 4gotas.com:
O venres choverá de madrugada de xeito intenso, pero a medida que avance a mañá desaparecerán as chuvias de gran parte da Costa da Morte. No litoral norte, entre Muxía e Malpica xa non choverá a partir de media mañá. No interior apenas choverá durante o día, pero de xeito feble choverá no final da tarde ou máis ben na noite. Pola contra, no litoral oeste, de Fisterra a Muros, continuarán as chuvias gran parte do día.>
Durante todo o sábado seguirán as chuvias nese litoral oeste, chuvias febles, orballos máis ben, que tamén se producirán de xeito máis esporádico no interior da Costa con ceos cubertos e moitas néboas en puntos altos. Pola contra, no litoral norte, canto máis preto de Malpica máis sol e non haberá chuvia.
A medida que avance o sábado aumentará o vento do suroeste. Na noite, no litoral norte e en zonas altas especialmente acadará os 70-80 km/h
Durante a madrugada do domingo o vento poderá acadar puntualmente os 100 km/h en calquera punto da Costa da Morte, amainará durante a mañá, pero chegarán as chuvias. Choverá de xeito intenso durante 3-4 horas nas horas centrais do domingo. Arreciará puntualmente o vento na tarde e irán chegando chaparróns. Xa durante a Noitevella apenas choverá (ou mesmo nada, atentos á web) malia que irá fresco tralo paso da fronte fría durante o día.
Na tarde do día 1 volverán as chuvias.
Coas chuvias destes días pasados máis as que están previstas nos vindeiros 7-8 días case poderemos dicir adeus á seca. Pero non nos esquezamos dela e sexamos responsables co consumo de auga posto que os periodos de seca serán cada vez máis frecuentes en Galicia.
Programas de Nadal
- Malpica: Concello e Asociacións arman un completo plan de Nadal en Malpica.
- Mazaricos: Cine, Cabalgata e solidariedade para o Nadal da MZ.
- Santa Comba: Santa Comba prepárase para un completísimo Nadal.
- Santa Comba: Este Nadal, Santa Comba elixe o comercio local.
- Zas: Música, teatro e humor para o Nadal zaseiro.
- Carnota, Camariñas e Vimianzo: Camariñas e Vimianzo presentan os seus programas de Nadal.
- Muros: Muros prepara un Nadal teatreiro e Solidario.
- Fisterra: Un completo Nadal teatreiro para Fisterra.
- Muxía: Muxía prepárase para o Nadal.
Citas da #AxendaCostadaMorte
- Na tarde do venres haberá unha interesante charla arquitectónica sobre o gótico mariñeiro en Laxe.
- A noite do venres teremos cita na carpa de Baio, co teatro de Chévere e o concerto de Los Claretes.
- A mañá do sábado poderemos participar na recreación dunha batida no Foxo do Lobo de Camariñas, unha cita patrimonial e histórica ben singular.
- O sábado pola noite teremos o fantástico monólogo de Carlos Blanco na carpa de Baio.
- A tradición terá cita a noite do sábado no Festival de Nadal de Brens.
Exposicións
- A Tenda Turística Stoupa acolle unha exposición que resume os Stoupidos do ano 2017, con artesáns de toda a bisbarra.
- Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar martes a domingo de 10:30 a 14 e de 16 a 19 horas. Visitas guiadas gratuítas: sábado e domingo ás 12 e ás 19 horas.
- Conxunto etnográfico do Mosquetín. O conxunto de muíños e batáns do Mosquetín abre as súas portas todos os días da semana dende as 11 horas ata ás 18 horas. Os sábados e os domingos hai visita guiada ás 13 e ás 18 horas.
- As Torres do Allo, en Zas, abre sábados e domingos e festivos (de 11 a 19 horas). Ademais, o pazo acolle unha mostra de pezas de Olería de Buño e ofrece visitas guiadas gratuitas ás 13 e ás 17 horas.
- No dolmen de Dombate ofrécense visitas guiadas todos os días de 10:30 a 14 e de 16 a 18:30 horas.
- Na Eira, en Ponteceso, Suso Lista expón a súa arte efímera na area do Osmo.
Máis información
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)