A Xunta recoñece ao CMAT como único interlocutor para o turismo na Costa da Morte
Segue o sector turístico sendo protagonista nas últimas datas. A creación o pasado decembro do novo o ente turístico que xestionará o xeodestino Costa da Morte, o CMAT (Costa da Morte Asociación Turística) , abre unha nova situación. A Xunta vén de recoñecer esta pasada semana, e por segunda vez, que "o CMAT será o único interlocutor válido para o turismo na Costa da Morte", unha situación que deixaría en fóra de xogo á Neria.
Sempre que non queira unirse ao proxecto do "Consorcio", unha vez que xa foron invitados a unirse, e que implicaría a apertura de "fronteiras", pois a Neria tería que cubrir a todos os Concellos do Xeodestino.
A Directora Xeral de Turismo afirmaba esta semana que "hai que crear un ente válido e xa", porque ademais a Xunta quere poñelo de exemplo a nivel estatal. E iso que xa levamos dous anos de retraso, perdendo investimentos públicos que poden rondar os 100.000€ anuais por non ter un ente aglutinador. I é que nestes dous últimos anos, as axudas da Xunta a zonas como a Ribeira Sacra, a Mariña... a través dos convenios asinados con entes de xestión integral, rondan esa cifra. E se non o creamos, imos seguir perdendo eses cartos.
Esta especie de Consorcio foi creado pola APTCM, que nacía coa intención de crear un Patronato hai uns anos, pero que agora quedaría nun segundo plano unha vez conseguido o seu obxectivo coa creación deste CMAT. Ademais, a propia entidade, "fuxindo de personalismos", presentará na orde do día do dúa 25 a renuncia do presidente, Manuel Pan.
Por todo isto, dende a APTCM consideran que nos atopamos nun "momento crucial" para o sector turístico da Costa da Morte. Valoran que outros puntos como as Mariñas ou Muros – Noia están dando pasos para adaptarse ao novo xeito de xestión do Turismo en Galicia. E instan a que "todos sexamos capaces de ver que o futuro pasa por unir as forzas de todas as entidades que traballan no Turismo na nosa fermosa zona e que é moito o que xa nos estamos a perder por non ser capaces de telo feito con antelación".
A voz da Xunta
A APTCM cóntanos como foi a reunión entre a Secretaria Xeral de Turismo Nava Castro e o presidente da Asociación de Turismo da Costa da Morte (APTCM), Manuel Pan. A responsable de turismo na Xunta de Galicia amosou "o seu total respaldo ó novo ente de xestión turística CMAT, ó tempo que dixo que será o único que represente á zona ante a Xunta de Galicia e que será o recoñecido para a xestión do xeodestino turístico da Costa da Morte".
Nava Castro adiantou ademais que "si a CMAT se pon en marcha nos próximos meses, xa podería contar con financiamento da administración autonómica neste mesmo ano".
Proxecto piloto en todo o estado
A Directora anunciou tamén que está esperando a que a CMAT estea en marcha para "poñer en marcha o primeiro proxecto de calidade turística integral na totalidade dun destino". Este proxecto desenvolverase en colaboración co “Instituto de Calidad Turística de España (ICTE)” dependente do Goberno Central e que pretende converter a Costa da Morte no primeiro destino con Q de Calidade.
Novas relacionadas
- Traski envía unha carta de unión e eficiencia ao sector turístico da Costa da Morte.
- A Costa da Morte segue lonxe dos primeiros destinos de Galicia.
- 30-12-13: Presentado o ente turístico que xestionará o xeodestino Costa da Morte.
- 20-12-13: CMAT: En marcha o ente que unirá o turismo na Costa da Morte.
Fonte
- Nota de prensa de APTCM.