As asociacións culturais teñen ata 7 de abril para solicitar as distintas axudas da Deputación da Coruña
07:09 07/03/17
As entidades culturais teñen ata o vindeiro 7 de abril de prazo para solicitar as axudas para as distintas actividades, investimentos ou festivais que organicen. Co lema "Cultura en cada concello, cultura para a cada persoa", a Deputación da Coruña completa a reorganización de apoio ás entidades.
Con seis programas de subvencións, a área de Cultura da Deputación incide no reparto obxectivo e no apoio á cultura desenvolvida por entidades sen fin de lucro encamiñadas ao apoio a actividades, festivais ou investimentos. Festivais, actividades culturais ou investimentos son algúns dos obxectivos das subvencións.
"Desde a Deputación queremos recoñecer o papel fundamental das entidades á hora de difundir e facer cultura e tamén a súa variedade. É dicir, constatar que as actividades culturais nacen desde entidades do sector mais tamén doutras como as veciñais ou educativas", sinala a responsábel da área Goretti Sanmartín, da nova organización das entidades que inclúen as liñas de subvención.
A liña destinada a actividades das entidades culturais está dotada con 1.100.000€ e a de entidades titulares de museos, centros de interpretación ou bibliotecas e a fundacións conta cun orzamento de saída é de 500.000 €. Para corais polifónicas, bandas de música populares, entidades de música e baile tradicional galego e formacións musicais de grande formato ofértanse dúas liñas, unha para actividades e outra para investimento para as que a Deputación da Coruña destina un total de 650.000 €, 450.000 para actividades e 200.000 para investimentos. As entidades sen ánimo de lucro poderán concorrer tamén a unha liña para investimentos dotada con 400.000 € e as que organicen festivais contarán coa axuda doutra partida da mesma cantidade.
Unha das principais novidades desta edición das liñas de axuda é a reorganización das entidades que concorren en catro ámbitos, un de natureza cultural, outro veciñal, outro educativo e outro social e asistencial. En todas as liñas, incídese máis aínda no reparto obxectivo das axudas, cun 70% de criterios cuantificábeis e un 30% de elementos de valoración como iniciativas ou proxectos que serán estimados por un comité de persoas expertas, alleas á Deputación.
"A área de Cultura fai unha aposta decidida por apoiar a cultura que promoven as asociacións e outras entidades, un eixo fundamental para o noso obxectivo de que a cultura chegue á totalidade da poboación, con especial atención aos concellos pequenos que teñen máis dificultade de programación", sinala a responsábel da área, Goretti Sanmartín.
Máis información
- Arrinca unha nova tempada da Rede Cultural da Deputación menos burocrática
- BOP: Bases Reguladoras do Programa da Rede Cultural da Deputación da Coruña [pdf].
- www.dacoruna.gal/cultura/rede-cultural.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).
- Deputación da Coruña