As festas, as andainas e o teatro enchen de actividade a #AxendaCostadaMorte

08:15 25/05/18

Parte meteoróxico
Despois do bo tempo destes días, a situación cambia a partir de hoxe. Durante a fin de semana, a Costa da Morte estará dominanda por ceos con nubes e claros e con algúns chuvascos principalmente na xornada de mañá sábado. O domingo será un día máis tranquilo, cunha maior predominancia de nubes pero sen tanta choiva. As temperaturas manteranse entre os 17 e os 20 graos nas horas centrais día, sendo o sábado o día máis fresco da fin de semana cunha temperatura media de 16 graos. En canto ao vento será de carácter forte ao longo do día de hoxe en toda a Costa da Morte. Xa o sábado, os ventos pasarán a ser en xeral moderados con forza de 4 a 5, diminuindo a medida que avanza o día para desaparecer o domingo. A situación no mar manteranse tranquila en toda a Costa da Morte ao longo da fin de semana, cunhas ondas ao redor de 1 e 2 metros de altura e mar de fondo do noroeste-norte.Teatro
- Teatro en Baio. Este domingo hai dobre cita co teatro no Auditorio de Baio. Por unha parte, terá lugar a entrega de premios da III Mostra de Teatro Afeccionado "Labarta Pose" e, por outra, a clausura da XI Escola Municipal de Teatro Afeccionado. A cita comeza ás 18:00 horas.
- Teatro en Carnota. Esta noite, ás 20:30 horas, o salón de actos do concello de Carnota acolle a obra “Bicos con lingua”,de Talía Teatro ; un espectáculo teatral en clave de comedia que invita á reflexión sobre os usos e abusos da lingua galega. Esta obra, que se enmcarca dentro da programación cultural “Maio, mes das letras” está dirixida a maiores de 13 anos e a entrada é de balde.
- XI festival "Teatrapa" de Laxe. O sábado e o domingo, Laxe ríndelle culto ao teatro co seu XI festival de teatro escolar de Laxe “Teatrapa”.
Sendeirismo
- Andaina por Corcubión. Corcubión é o próximo destino do programa de Andainas Coñece a Costa da Morte. Esta será un roteiro lineal de 13 quilómetros de distancia e de dificultade moderada. Os participantes sairán ás 10:00 horas do pavillón municipal.
- Camiñada pola lingua en Carnota. Dentro do programa cultural “Maio, mes das letras”, o concello de Carnota organiza unha “Camiñada pola lingua”. Este roteiro circular, duns 11 quilómetros, partirá ás 09:30 horas dos muíños de Vadebois para dende alí dirixirse a Panchés a A Curra onde se lerá un manifesto a prol da lingua galega.
- Primavera en Ruta. Senda Nova continúa este domingo cos seus roteiros de primavera. Nesta ocasión, percorrerán os "Camiños de Caión", en A Laracha.
Festas
- Festas en Lira. Lira celebra hoxe e mañá as festas dos Remdios Vellos.
- Festa de Tella. En Tella, Ponteceso, celebran o sábado e o domingo as festas na honra a san Eleuterio.
- Comida campestre en Vimianzo. A comisión de festas de Cereixo organiza este domingo a primeira comida campestre na honra de San Roque.
- Festa en Sabaceda. O lugar de Sabaceda, en Santa Comba, celebra este sábado as súas festas na honra de San Eleuterio.
Outras citas
- Día do Xogo Tradiconal nas Torres do Allo. O contorno das Torres do Allo convertiranse nunha macro-sala de xogos onde terán cabido ducias de entretementos tradicionais para toda a familia. Durante a mañá do domingo 27, entre as 11:30 e 14:00 horas, instalaranse numerosos postos de xogos tradicionais para que calquera persoa ou familia poida achegarse e ensinarlle aos máis pequenos a divertirse coma en tempos.
- Conferencia fotográfica en Laxe. O fotoperiodista Xurxo Lobato impartirá este venres ás 19:00 horas no Museo do Mar de Laxe, a conferencia titulada “Unha mirada á fotografía histórica en Galicia”, dentro do programa de actividades organizado pola concellería de Turismo de Laxe, no marco da segunda edición do Programa reLAXEse.
- Curruncho Pop en Carballo. Mañá chegan ao Curruncho Pop da Biblioteca Rego da Balsa de Carballo outros tres músicos de talla contrastada e o pop luminoso do valenciano Ramirez Exposure na súa colaboración con Mark Jonson e Richard Floyd (ex Television, nada menos).
- Presentación dun libro en Corcubión. O profesor da UDC Xosé Ramón Freixeiro Mato presenta este sábado as 20:00 horas no local da Universidade Popular de Corcubión o seu libro "Para mellorarmos a calidade da nosa lingua".
- Inauguración dunha exposición de Asunción Antelo. O Estudo-Galería Garabato de Carballo prepara unha fermosa e emotiva exposición sobre Asunción Antelo, a Rexoubeira de Bergantiños. A inauguración será o 26 de maio e podera verse ata o 30 de xuño.
- Domingos de lecer en Corme. O dúo Carlos Manteiga y Melchor amenizarán este domingo a tarde en Corme coa súa música en directo no fogar do pensionista de Corme. A cita comeza ás 18:00 horas.
- Festa do Foxo dos Lobos. A Asociación Cultural Dequenquen organiza este domingo unha nova festa pola recuperación do Foxo do Lobo.
- Presentación literaria en Cerqueda. O domingo ás 17:00 horas o local sociocultural das Pozacas acolle a presentación do libro "Milladoiro de contos" nun acto no que estarán presentes a autora e a ilustradora da obra.
- Día da bici en Dombate. O centro arqueolóxico Dolmen de Dombate será o punto de partida do Día da Bici organizado polo concello de Cabana de Bergantiños. Os paticipantes deberán estar ás 11:00 horas na saída para iniciar un percorrido circular pola zona.
Exposicións
- Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar martes a domingo de 10:30 a 14 e de 16 a 19 horas. Ademais ata o mes de abril hai unha exposición de Esther Ferreiro.
- Conxunto etnográfico do Mosquetín. O conxunto de muíños e batáns do Mosquetín abre as súas portas todos os días da semana dende as 11 horas ata ás 18 horas. Os sábados e os domingos hai visita guiada ás 13 e ás 18 horas.
- As Torres do Allo, en Zas, abre sábados e domingos e festivos (de 11 a 19 horas). Ademais, o pazo acolle unha Mostra de Traxe Tradicional, e ofrece visitas guiadas gratuitas ás 13 e ás 17 horas.
- No dolmen de Dombate ofrécense visitas guiadas, en temporada baixa, de venres a domingo de 10:30 a 14:00h e de 16:00 a 18:30. En temporada alta (Semana Santa, e do 1 de xullo a 16 de setembro), visitas guiadas todos os días.
- En Stoupa (Cee) pódese ver ao longo deste mes os traballos do pintor Fernando Rei. A mostra pode visitarse de luns a sábado de 12 a 14 horas e de 17 a 21 horas.
Máis información
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])