Xoves. 02.04.2020
El tiempo

Asunción sempre dicía: "Eu nacín antes de tempo"

Asunción sempre dicía: "Eu nacín antes de tempo"
Asuncion Antelo e Cristina Abelleira facendose un selfie Asuncion Antelo e Cristina Abelleira facéndose un selfie Presentacion do libro de Asuncion Antelo a Rexoubeira de Bergantinos O 8 do 8 ás 8. Soía ser a data de celebración do seu aniversario. Unha data perfecta para facer a presentación do libro “A obra de Asunción Antelo”, realizado por Cristina Abelleira, editado pola Deputación en colaboración co Concello de Coristanco. A cita, desta volta será na Casa da Cultura do Edificio de Servizos Múltiples, non na propia casa museo de Segufe, e pretenderá xuntar a todo o grupo de familiares e amigos, xunto con diversas autoridades, e o tecido asociativo bergantiñán. Unha cita na que estará no aire o futuro desa marabillosa casa-museo cuxa apertura depende hoxendía da vontade dunha (da) veciña. “A ver se se pode chegar a un acordo coa Deputación, respectando sempre as vontades dos familiares, por susposto”, asegurounos o alcalde Amancio Lavandeira. Falamos coa autora e unha das persoas que mellor coñecía á Rexouobeira de Bergantiños.  
  • QPC: Canto tempo levas preparando o libro?
A idea de facer o libro xurdiu hai catro anos, cando empezou a facerse evidente o deterioro de moitas das pezas de madeira talladas por Asunción e a posibilidade de que acabasen desaparecendo. A verdade é que a intención inicial non era facer un libro, senón un catálogo caseiro de fotografías das pezas para ela, para que polo menos se nalgún momento se perdesen quedase constancia do seu traballo. Pero cando intentei facer as fotos dinme conta da dificultade de fotografíar aquelas pezas tan enrevesadas. Precisaba un profesional. Por casualidade, comentando un día a idea con Xosé Regueira, o concelleiro de Promoción Económica de Carballo, faloume de Alberte Sánchez Regueiro, Distrito Xermar, e púxonos en contacto. Empezamos a traballar, coa axuda de varias persoas, e a verdade é que as fotos eran (e son) tan bonitas que daba pena non facer algo máis con elas, e empezamos a cavilar na idea do libro, que aínda tardou tempo en callar.  
  • QPC: Que inclúe?
O libro recompila a obra plástica de Asunción Antelo, así que, basicamente, inclúe fotografías. Son máis de 200, de todas as pezas que hai dentro do Museo de Asunción. Cada imaxe vai acompañada dunha pequena ficha, cos datos básicos: nome da peza, material, data de elaboración e unha pequena descrición. E ningunha desas cousas foi doada, porque a maior parte dos datos xa se lle esqueceran tanto a Asunción como a seu irmán José, e grazas que ela escribía en case todas as pezas o ano en que as facía, polo menos para ter unha referencia de cando foi feita a maior parte da súa obra. A información é escasa, pero hai algúns datos curiosos e están as fotos, que son preciosas. O libro inclúe tamén unha pequena nota biográfica sobre Asunción Antelo, unha "crítica" artística de Miguel Anxo Calvo, O Mighelo, e tamén escribe sobre ela Laura Mariño, como concelleira de Cultura de Coristanco, porque foi a impulsora da publicación mentres desempeñou ese cargo. A obra poética de Asunción, da que xa hai unha pequena escolma publicada, merece un libro á parte, xa que é moi moi extensa.  
  • QPC: Cando e como a coñeceches?
Coñecina a principios dos anos 90, non lembro exactamente en que ano, na Feira da Artesanía do Couto (Ponteceso). Realmente foi a Asociación Cultural Monte Branco quen a descubriu e quen a deu a coñecer. Asunción participaba todos os anos na feira cos seus reloxos, que son quizáis as súas pezas máis representativas e as únicas que vendía. Que eu saiba, só se desprendía de algunha para agasallala, e no meu caso, porque fun unha das afortunadas, a peza volveu ás mans de Asunción cando abriu o seu Museo. A partir daqueles primeiros contactos no Couto sempre mantivemos moi boa relación, visitábaa a miúdo e en certo modo para min deixou de ser a artista para ser unha amiga.  
  • QPC: Que é o que fai que sexa unha persoa que trascenda no tempo?
Asunción sempre dicía: "Eu nacín antes de tempo". É unha frase que utiliza moita xente, pero no seu caso era verdade. Eu creo que o máis importante de Asunción é que malia nacer nun lugar e nun momento que non fomentaban, en absoluto, a creatividade, ela conseguiu sacar iso que levaba dentro e darlle forma a través das palabras ou da súa arte, como ela a chamaba. Superou todo tipo de obstáculos durante toda a súa vida, e aínda que non viu cumprido o seu soño de ter un museo en boas condicións para a súa obra, nunca perdeu o sorriso.  
  • QPC: Que anécdota máis singular lembras dela?
Xa nos últimos anos da súa vida, sen forzas para traballar nin case para moverse, era incrible ver como seguía cubrindo semana tras semana a Lotería Primitiva, porque seguía soñando con gañar o premio que lle permitise construír o seu museo.  
  • QPC: Que foi Isabel Rey Porteiro para Asunción?
Creo que se digo que foi a filla que non tivo xa está todo dito.  
  • QPC: Que cres que debería pasar para manter viva a súa casa-museo?
Supoño que o idóneo sería que a familia e o Concello de Coristanco chegasen a un acordo para xestionar, máis que o museo, os fondos que hai nel. O edificio que Asunción e os seus irmáns construíron con tanto empeño e con tanto cariño non reúne as condicións axeitadas para a conservación da obra, e aínda que ela sempre quixo que a súa arte quedase en Segufe, seguro que preferiría, aínda que fose como última opción, que estivese ben conservada e, sobre todo, ao alcance de todo o mundo, porque o seu maior desexo era "deixar un recordo de que pasei por este mundo”.  

Novas relacionadas

Fonte

comentarios