Axenda cultural e festexeira para a ponte de maio na Costa da Morte


Completa chega tamén esta ponte, para moitos, do primeiro de maio. O Día do Traballador permítenos outra pequena Semana Santa. Unha ponte que se presenta cun tempo primaveral, como nos contan os amigos de 4gotas:
O xoves e o venres aínda con bastantes nubes, especialmente nas mañás entre Muxía e Malpica e neses puntos con máximas aorredor dos 16-18ºC. No resto da Costa, xa lucirá o sol desde o mediodía do xoves e con máximas nos 20ºC xoves e venres.
Na finde o sol será o protagonista, iso si, con vento do nordés que terá algún refacho forte nos arredores de Malpica. Por mor dese vento en Malpica as máximas non pasarán dos 20ºC, pero ao sur de Fisterra estarán próximas aos 25. Perfectas para ir á praia.
Tedes máis información sobre o tempo da ponte neste artigo sobre a ponte.
Un día do Traballador a pé
A ponte arrinca a pé, e o fai cunha Andaina por Dumbría, cun roteiro de 14 km entre Hospital e Logoso.
Pero ademais, o mesmo xoves tamén temos unha diversa festa variada en Vimianzo, con exposición de coches e motos, demostracións de doma de cans, desfile, música…
Atentos tamén por Carballo pois comeza o programa Contos de Taberna. Probade a pasar por un dos 14 locais que participan, xa veredes que sorpresas de menús…
Un venres festexeiro
Aproveitaremos o venres para sacar os mellores vestidos e acodir ás verbenas. Como a das Festas de Santa Irene de Salto, en Vimianzo, que durarán toda a fin de semana con orquestras de primeira.
A noite do venres teremos un par de citas culturais, como o Concerto de Francis White en Carballo ou o Concerto de Héctor Lera & Dous Calquera en Cee.
Unha finde completa e variada
A fin de semana, ademais das Festas en Salto, teremos tamén Festas de Santa Cruz de Serramo, tamén en Vimianzo, con s.v. e verbena durante o sábado.
Tamén o sábado marcharemos ata Muros para disfrutar da Mostra de Teatro Xosé Agrelo de Muros, e de seguido nos achegaremos á Caverna para disfrutar do concerto-estrea de Maestro Romero, unha banda recén nacida. Mentres, teremos tamén a Festa Concerto dos rapaces do IES de Laxe no Escarabello, con moita música, o Concerto do vimiancés Serj na inauguración do Woodstock, un no garito que aposta pola música en Cee.
Antes, aínda pola tarde poderemos achegarnos ao Muíño da Agra de Vimianzo para a degustación da inauguración da Primavera Gastronómica do concello vimiancés.
Xa o domingo teremos tamén Ruta con Senda Nova pola Costa Agreste de Cerqueda e Cambre, en Malpica.
E como non, para pechar a fin de semana, comeza O Mes das letras no Concello de Vimianzo, e o fai coa Escola de Teatro do Couto e a representación de “No bico un cantar”.
Máis información
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).