Axenda para unha fin de semana con danza, cine, teatro, foliadas, concertos, andainas…


Primeira fin de semana de abril, xa coa cabeza na Semana Santa, pero con moitas cousas por facer. Pero antes, lemos o parte meteorolóxico costeiro que nos achegan os compañeiros 4gotas.com:
Esta fin de semana, teremos que dividir a Costa da Morte en dúas partes. Unha ao norte de Muxía e outra ao sur.
Ao sur teremos que falar de chuvias persistentes e por momentos intensas tanto o venres coma o sábado e de orballos no domingo pola mañá, remitindo na tarde. Haberá vento forte o venres na madrugada e na mañá, ademais do domingo pola mañá.
Ao norte de Muxía esas frontes chegarán máis desfeitas e só falaremos de chubascos na madrugada e primeiras horas do venres, e na madrugada e ata o mediodía do sábado. Tamén haberá vento forte do sur na madrugada e mañá do venres e do sudoeste boa parte do domingo.
As temperaturas serán suaves, tanto as mínimas que non baixarán dos 10ºC no interior e dos 12 na costa, coma as máximas que quedarán nos 14ºC na parte sur, e chegarán ata os 16 na parte norte da Costa.
Xa en materia cultural, temos unha fin de semana completa, con danza, cine, monólogos, teatro, foliadas, concertos, andainas… E comezamos o repaso polo venres, cunha pioneira iniciativa do Concello de Carballo con ese programa Programa Primavera enDanza, que terá no venres e no sábado as súas primeiras citas. Tamén en Carballo, onde hai unha fin de semana de vertixe teremos a Inaguración da Galería Garabato, Ademais, o venres, toca nova sesión de Cine na Capela de Corcubión.
Ao longo do día do venres e do sábado, poderemos facer unha Visita ao Museo do Forno do Forte, aproveitando o Día Europeo da Artesanía, con demostracións en vivo.
O sábado arrincará coa I Andaina Costa da Morte por Camariñas. Un ciclo que segue os pasos de Traski e percorrerá 8 concellos da volta, comezando por unha sesión pola zona do Cabo Vilán.
Poderemos tamén, e unha pena que se solapen, achegarnos a botar unha man na Limpeza de plásticos do Museo de Man</a>, que propón a asociación Mar de Fábula.
Pola tarde, presentación dun libro de naufraxios en Carballo. E pola noite, ademais da cita ca danza, teremos unha sesión de monólogos en Muros, con Rober Bodegas e Champi. Teremos a 9ª Foliada de Cerqueda, e a orixinal Gran Festa de Primavera no Lestón, en Sardiñeiro, coa chegada dos Magnifique Bande dos Homes sen Medo.
E pecharemos a noite con 3 concertos, o do vimiancés Serj en Vimianzo, o de Anima e Aphonnic en Carballo e mais o de Fikipaldis tamén na capital bergantiñá.
O domingo comezarémolo coa primeiro sendeiro do programa Primavera en Ruta de Senda Nova, polas Mámoas de Cabana. E pecharémolo, como non, coa cita dominical vimiancesa. Desta volta, arrincando co Mes da República da Liberdade, NNC Teatro e a súa Santa Perpetua en Vimianzo.
Máis información
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).