sábado. 17.05.2025
El tiempo

Axenda para unha fin de semana de webseries, concertos, andainas e moitas festas

Axenda para unha fin de semana de webseries, concertos, andainas e moitas festas
www.axendacostadamorte.com

Arrincamos a fin de semana post Semana Santa. E lonxe de decaer a actividade, temos 3 días cheos de propostas de todo tipo: un festival de audiovisual, concertos, andainas, festas, teatro e monólogos. Pero antes, imos coñecer como vén o tempo da man dos compañeiros de 4gotas:
O tempo na fin de semana virá marcado polo achegamento dunha borrasca, que xa enviou varias frontes durante a semana. A máis activa de todas pasará o venres. Comezará a chover no amencer do venres, a medida mañá soprará con forza o vento e no mediodía e na tarde as chuvias serán intensas. O vento soprará ata a noite do venres e as chuvias aguantarán ata as primeiras horas do sábado.
O sábado ao amencer xa se irán desfacendo e acabará por lucir o sol. Volverán as nubes a media tarde do sábado e o domingo haberá máis nubes que claros e é probable que acaben caendo 2-3 chuvascos ao longo do día.
O prognóstico do domingo aínda non é 100% claro, polo que é recomendable non perder de vista os prognósticos en www.4gotas.com
.

Un Festival con maiúsculas

A cita máis singular de cantas hai estes días ten lugar en Carballo, i é que o I Festival de Webseries Carballo Interplay é o primeiro en facerse en toda España, e creadores de todo o estado estarán na capital bergantiñá expoñendo os seus traballos. Ademais das proxeccións das 35 series finalistas, están sendo 4 días con charlas, actuacións, sesión vermú, e ata un festival de música, pois as noites de venres e sábado culminarán con concertos varios.

De Andainas

Doble cita con sendeirismo. O sábado teremos Andaina por Ponteceso, cunha ruta circular pola ribeira do Anllóns. E para o domingo, a ineludible 5ª etapa do Camiño dos Faros, que nos levará por unha das pistas máis fermosas da bisbarra, a que une Arou con Camariñas, con paradas especiais no Cemiterio dos Ingleses e no Faro Vilán.

De verbeneo

E chegou o tempo dos patróns, pois temos festas por todas partes. Arrincando este mesmo venres coas Festas de San Xurxo de Camariñas, que durarán ata o sábado noite. O venres temos tamén as Festas de San Marcos de Corcubión, outro patrón celebrado por todo o alto con verbenas venres e sábado. E tamén o venres, teremos a previa, con churrascada, das Festas de Santa Irene de Salto.
Ademais, o sábado teremos a segunda cita dos Remedios Novos de Lira.

Teatro, monólogos e música

A fin de semana conta ademais con varias citas culturais. Comezando pola Mostra de Teatro Xosé Agrelo de Muros, que nos trae doble sesión nas noites de venres con “Ut-tópico Teatro” e sábado con “O Xeito”.

Ademais, a noite do venres teremos Monólogo en Cee con Enrique Loyola e outro monólogo en Carballo con David Noya.

Con música, ademais do Festival Carballo Interplay con dúas noites de concertos, pecharemos a fin de semana, coma sempre, en Vimianzo. E o faremos cunha Noite en clave de Fado.

Máis información

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios