Axenda post-Entroido con teatro, música e sendeirismo
Nótase que rematou o Entroido pois a #AxendaCostadaMorte está algo frouxa. Pero axudará o tempo, para animar a facer cousas, e así nolo corroboran os compañeiros de 4gotas.com traénnos un parte meteorolóxico:
O venres, o vento rolará ao oeste e meterá néboas persistentes en toda a Costa. Apenas levantarán un pouco durante a tarde. Pero un novo centro de altas presións volverá a situarse ao noroeste de Galicia, volverá a soprar o vento do nordés e xa na madrugada do sábado limpará todas as néboas. Este nordés podería acumular algunha nube nos arredores de Malpica, pero no resto, e durante toda a fin de semana lucirá o sol.
As temperaturas serán frescas pola mañá con mínimas por debaixo dos 8ºC no interior; algo máis altas no litoral, pero no mediodía axiña subirán e chegarán ata os 20 graos.
Polo tanto, outra fin de semana para gozar da Costa da Morte.
Teatro, música e Camiño
A fin de semana arrinca a golpe de música e teatro nun venres movido. Teremoscita teatral nos Venres Culturais de Carballo. Ademais, arrincan os Monólogos da Tralla en Malpica, nada menos que con Quico Cadaval. Tamén teremos monólogo en Cee con Igor Vizoso. E a noite se completa cun concerto unplugged en Sardiñeiro e a gran Festa de SPS Competición en Carnota, mesturando motor e troula.
Para o sábado teremos varias citas carballesa. Por un lado, pola mañá no Fórum segunda clase do obradoiro de webseries gratuito, dirixido a moz@s de entre 16 e 35 anos, e o comezo das rutas ciclistas "Coñece o teu concello". Tamén hai un fantástico Festival Billarda All Star, cunha completa tarde de deporte tradicional e noite de música en Carballo onde tamén comeza a ruta "Compra e Tapea", que funcionará do 15 ao 30 de marzo, no barrio da Milagrosa.
Atentos estaremos tamén o sábado ao VI Campionato de Pesca en Camariñas, onde ata finais de mes (excepto luns e martes) hai unha exposición colectiva "De Faro en Faro" no Faro Vilán.
E o domingo chega a cita máis esperada da fin de semana. A segunda etapa do Camiño dos Faros, que unirá Niñóns e Ponteceso. Veremos se superan a marca dos 437 trasnos...
Ademais, pola noite chegan os Monikreques de Kukas a Carballo, e como non, pecharemos a fin de semana coa cita dominical vimiancesa cos contos de Ana Carreira neste "mes das contadas".
Máis información
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).