#AxendaCostadaMorte: Fin de semana de reflexión, debate e cultura


Fin de semana de novembro que chega con disparidade de oferta. Un pouco de música, un pouco de teatro, un pouco de lectura, algo de debate e sobre todo, reivindicación, co gallo do 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, se ben a cita máis importante darase ca concentración da man da Buserana o propio luns.
Pero antes, os compañeiros de 4gotas dannos o parte:
O tempo da finde na Costa virá marcado polas baixas temperaturas, pero desta volta o sol, en xeral, será o gran protagonista.
Só a primeiras horas do venres pode chegar algunha nube aos arredores de Malpica, para despois lucir o sol. O vento do nordés frouxo con algún refacho moderado fará que nesa zona o ceo alterne nubes e claros no sábado, e pode facer que chegue algún chuvasco illado o domingo pola mañá (1-2 como moito) alternando nubes e claros no resto do domingo.
De Muxía a Muros non verán a chuvia, predominará o sol e apenas veremos algunha nube na tarde do sábado
As temperaturas na costa estarán entre os 8 graos de primeira hora da mañá e os 14 do mediodía (ao sol non se estará mal, pero á sombra irá frío). Algo retirados cara o interior, a temperatura pola noite baixará dos 5 graos e mesmo nalgún val haberá algunha xeada feble.
Axenda variada
Empezamos o venres con varios foros de debate como o de Abertos ao galego que convoca a Mesa en Carballo. Poderemos tamén tomar un Té con Kant na Capela do Pilar de Corcubión, acodir á cita co Teatro de Igualdade en Malpica, ou disfrutar dun concerto de membros de Cornelius en Sardiñeiro, outro concerto das Agoraphobia en Cee e o Concerto de Cachalotauro + Atlantic Valley en Carballo dentro do Cóctel de Música que prantexa o Concello de Carballo para esta finde.
O sábado arrinca de andaina cos trasnos na 6ª etapa do Camiño dos Faros. Teremos tamén a posibilidade de pasar e axudar no Mercadillo Solidario de Camariñas. Pola tarde teremos clube de lectura de novo na Capela do Pilar de Corcubión e un intenso debate sobre a sentenza do Prestige en Lariño.
Teremos cultura tamén, con Caramuxo Teatro en Fisterra e a doble sesión de Talía Teatro para o público infantil no Ciclo de Teatro de Ponteceso.
Arrinca tamén o domingo a golpe de camiñada, desta volta polas Terras do Marqués con Senda Nova. Ponteceso acolle un Domingo en Igualdade con unha intensa xornada de reflexión sobre a Igualdade de Oportunidades. Por Carnés disfrutarán do seu magosto e pecharemos a fin de semana, como non, na cita dominical de Vimianzo, que pecha este mes da música co concerto do Cool Hamster Dúo, con lembranzas melódicas do cine.
Máis información
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).