mércores. 09.07.2025
El tiempo

#AxendaCostadaMorte: Teatro, libros, concertos, festas e Cabo Vilán para recibir ao Nadal

#AxendaCostadaMorte: Teatro, libros, concertos, festas e Cabo Vilán para recibir ao Nadal
Axenda debullada en www.axendacostadamorte.com

Nova fin de semana esta no ecuador de decembro e na que xa se albisca o Nadal. E os compañeiros de 4gotas tráennos o avance metereolóxico:
O tempo do venres virá marcado pola presenza de nubes e dalgún chuvasco illado. A partir do mediodía remitirán as chuvias e axiña entrará o anticiclón, abrindose grandes claros a partir de media tarde.
O sábado predominará o sol. Baixarán as temperaturas nocturnas. Pasaremos dos 13-14ºC que había o venres ás 9 da mañá aos 5-6 que haberá sábado. As temperaturas polo día tamén baixarán, pero de xeito feble e ao sol estarase ben.
O domingo notaremos un aumento do vento. Será vento do sur-sudoeste que anuncia a chegada doutra fronte. Este vento acumulará bastantes nubes na Costa, malia que non choverá ata o luns.Polo tanto boa finde para facer actividades ao aire libre, especialmente o sábado.


E esta fin de semana arrincan os actos do 80º aniversario do Cabo Vilán como Sitio Natural de Interese Nacional. Estes venres e sábado preséntase o programa anual para o 2014, con varias mesas no mesmo Faro Vilán, convertido en punto cultural polos empresarios de Camariñas.

O venres teremos tamén unha sesión de teatro infantil en Malpica. Cita que se repetirá o domingo coa Neno e o grilo de Urdime.
Para os amantes da poesía, Carballo acolle unha nova presentación da Poesía Completa de López Abente; e para os do cine, a Capela do Pilar de Corcubión proxectará "Mishima". E para a noite do venres podemos achegarnos a Carballo a disfrutar de Carlos Blanco. Podemos achegarnos ás Festas de Santa Lucía de Berdeogas ou ata Fisterra, onde teremos Concerto de Héctor Lera e Dous Calquera, que repetirán o sábado en Santa Comba; e mais o concerto de Darío Balado en Sardiñeiro.

O sábado temos citas festexeiras a golpe de sesión vermú, e ademais das de Berdeogas poderemos achegarnos ás Festas en Tines. Pola tarde, o Outono Teatral de Fisterra tráenos unha cita co Lazarillo en Sardiñeiro, mentres que no Programa Soña co Nadal de Dumbría déixanos unha gran oportunidade de disfrutar do Cabaré Manicómico en Olveira.
En clave de libros, Xosé Pumar Gándara presentará a súa "Viaxe polo corazón de Bergantiños" en Cances. E haberá tempo para as corais, co X Memorial Pepe Valiña de Baio.

A noite sabatina rematará a ritmo de hiphop cos versos de García MC en Carballo, o cantante de Dios Ke Te Crew.

O domingo amencerá de novo en ruta, co Roteiro de Senda Nova polo Camiño dos Faros entre Arou e Camariñas.
Ademais, pola tarde, a cita será na estrea da documental "Rosa de Corcoesto" no local social do lugar cabanés.


Máis información

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios