O Camiño Escena Norte chega en outubro a Vimianzo e a Carballo
Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural no que participan compañías de teatro, danza e artes do movemento e novo circo de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, chegará este mes de outubro a Vimianzo e a Carballo. Baixo o lema "A oportunidade do agarimo" onte presentouse en Santiago de Compostela a programación desta edicióin que comezará o venres 13 de setembro en Compostela e dende aquí percorrerá 13 localidades galegas.
Este é un proxecto que conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, no que se toma como base a ruta histórica dos camiños de Santiago do norte, e que ofrece ao longo de seis semanas -dez días máis que en anteriores edicións- toda unha extensa programación escénica, dirixida a todo tipo de públicos. Así, tanto a través da súa iniciativa itinerante Ciclo Constelacións, como doutras actividades paralelas -como é o caso dos encontros cos espectadores ou das actividades profesionais Cruzamentos e Habitación Peregrina PRO-, CEN pretende impulsar, dinamizar e visualizar o labor das compañías galegas, asturianas, cántabras, vascas e navarras.
Na nosa bisbarra estarán o día 6 de outubro no Pazo da Cultural de Carballo, dentro da programación do FIOT, coa obra "Olvido Flores", de Estefanía de Paz Asín. Uns días máis tarde, o 10, K. Producciones e Tanttaka Teatroa trae ao Auditorio Municipal de Vimianzo o seu traballo "El nadador de aguas abiertas".