Carballo posicionase como referente cultural
08:12 06/04/16
Goretti Sanmartin, vicepresidenta da Deputacion, mantivo unha reunion con membros do goberno local de Carballo
"A acción cultural é xa un sinal de identidade en Carballo con programas xa consolidados e de referencia tamén fora das nosas fronteiras como o Rexenera Fest, o Carballo Interplay e o FIOT - que este ano superou os 10.000 espectadores -". Así o manifestou a Vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsable da área de Cultura e Normalización do organismo provincial, Goretti Sanmartín nunha visita institucional que realizou onte ao concello na que estivo co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e coas tenente de Alcalde, Belén Lendoiro e Milagros Lantes, así como con outros membros do goberno municipal.
Ferrero aproveitou a presenza de Sanmartín para aplaudir a xestión do organismo provincial neste eido e fixo fincapé nas posibilidades de desenvolvemento económico do sector cultural. O obxectivo xeral da visita foi o de presentar as novas liñas de axudas da Deputación, que pasan por primar plans e programas xestionados con criterios obxectivos de reparto dos cartos públicos e que, ademais de no eido cultural, estarán deseñados para contribuír á mellora do emprego, do medio ambiente ou do patrimonio, entre outros ámbitos. No caso da cultura, "desde a Deputación apoiaranse programas xa consolidados como os que están a converter Carballo nun referente da cultura máis audaz e novidosa", sinalou Goretti Sanmartín, ao tempo que gabou o esforzo de Carballo no fomento da lingua e a cultura como piares do goberno municipal. O alcalde, Evencio Ferrero, agradeceu, pola súa parte, que a Deputación se rexa por "criterios obxectivos e obxectivables á hora do reparto dos fondos públicos que nos corresponden a todos".
Ferrero defendeu a "cultura, o deporte ou as intervencións en espazos urbanos como economía no seu conxunto". "O FIOT ou o sector de balonmán que tivo lugar esta fin de semana demostran que cultura e deporte son unha boa aposta para o desenvolvemento económico", subliñou. Sanmartín engadiu que en Carballo está a desenvolverse "un paradigma e modelo de acción cultural que demostra que a imaxinación e a audacia son fundamentais para crear programas novidosos como os que compoñen a axenda de Carballo". O alcalde reiterou a vontade do goberno municipal de "que a xente se decate de que nun concello como Carballo se pode asistir a espectáculos ou actividades artísticas de gran calidade. Carballo, por exemplo, é dos poucos concellos galegos que teñen unha programación estable de danza". Para Ferrero, o concello xa exerce un certo "liderado" no ámbito cultural. Así, segundo as súas verbas "a política municipal é máis que obras e ten que ver co territorio como algo integrador para o que son fundamentais a cultura, o deporte ou os servizos sociais".
Novas relacionadas
- Balonmán: Liderado entre masas
- 2016: Máis de 120 proxectos de todo o mundo estarán no III Festival de Webseries Carballo Interplay
- 2016: O Interplay aposta polos contidos en galego e crea un premio de 1.500€ para a mellor webserie.
- 2016: O “pioneiro” festival internacional Carballo Interplay xa conta co apoio da Deputación.
- 2016: O III Carballo Interplay quece motores co FormaCIP.
- A carreira nocturna por parellas regresa a Carballo
- A Primavera enDanza chega a Carballo con cinco espectáculos para todos os públicos
- Redacción QPC ([email protected])
- Carballo