sábado. 05.07.2025
El tiempo

Chega a primeira #AxendaCostadaMorte do mes de decembro

Chega a primeira #AxendaCostadaMorte do mes de decembro
axenda-costa-da-morte-2-decembro-2016 A #AxendaCostadaMorte recibe ao mes de decembro cunha oferta cultural algo máis escasa do habitual xa que a maior parte dos concellos e asociacións están inmersos na programación das actividades do Nadal. Ainda así, esta fin de semana non faltarán as habituais citas co teatro, coa gastronomía e coa música. Pero coma sempre, antes de nada, o parte meteorolóxico costeiro que nos trae, en exclusiva, 4gotas.com:
O venres comezará a marchar a borrasca que nos deixou un aumento das nubes no mércores e xoves, pero irá achegándose outra que non será tan "inofensiva". O venres alternarán as nubes e os claros toda a xornada con temperaturas moi agradables polo día (uns 17 graos no litoral e 15 no interior da Costa). O sábado esa segunda borrasca pasará paralela á costa galega, de norte a sur, e malia que pasará lonxe de Galicia irá enviando algunha banda de chuvia. Amencerá o sábado con bastante sol, pero irase cubrindo no final da mañá e durante o mediodía para deixar algunha chuvia (intermitentes) no final da tarde e na noite.
O domingo alonxarase esa borrasca e volveremos a falar dunha xornada con alternancia de nubes e claros. Tanto sábado coma domingo, seguirán as temperaturas moi agradables.
Todo apunta a que luns e martes predominará o sol, o mércores haberá máis nubes e risco dalgunha chuvia, para volver o sol ata, seguramente, o vindeiro sábado.
Pero ollo que este prognóstico é a longo prazo e pode haber cambios. Consultade www.4gotas.com diariamente para confirmalo.
Teatro
  •  No centro Cívico de Malpica continúa hoxe a XII Mostra de Teatro coa obra de teatro “Perplexo” de Il Maquinario Teatro. Nesta comedia, interpretada por Melania Cruz, Fernando González, Fran Lareu e Laura Míguez, todos eles nominados aos Premios María Casares polas súas interpretacións, nárrase a peculiar historia dunha parella. A función comeza ás 20:30 horas.
  • O mago Rafa trae mañá o seu espectáculo "Momentos máxicos" á casa da Cultura de Vimianzo dentro do programa cultural organizado polo concello.
Gastronomía
  • Esta é ultima fin de semana do programa Vimianzo Gastronómico no que os restaurantes de Vimianzo promocionan os protuctos deste tempo cun menú específico a un prezo reducido.
Sendeirismo Concertos
  • programa musical do concello de Carballo continúa mañá cun concerto de música africana da man das Batuko Tabanka que chegan dende Burela.
  • O domingo arranca en Fisterra o programa do Decembro Cultural organizado polo concello. Os encargados de facelo serán o grupo folk Ascuas que actuarán a partir das 19 horas no salón de actos da casa consistorial para cantar folk dos anos 80.
Exposicións 
  • O faro Vilán acolle ata o 23 de decembro unha exposición de pintura da pintora local María Dolores Barcia. O horario de visita é de 11 a 14 horas e de 15:30 a 2o horas.
  • Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar todos os días da semana en horario de 10:30 a 14 horas e de 16 a 19 horas.
  • As Torres do Allo, en Zas, poderanse visitar os venres, sábados e domingos de 11 a 19 horas.
Outras citas Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)

Comentarios