Chega unha teatreira #AxendaCostadaMorte

07:15 14/10/16

Esta fin de semana virá marcada pola presenza da chuvia e dun tempo propiamente outonal; ainda así o sol non nos abandonou de todo e todo apunta a que o veremos bastante na segunda quincena de outubro. Hoxe o día amencerá seco, pero o ceo irase cubrindo a medida que avance a mañá e deixará choivas a media tarde e parará na noite quedando unha madrugada seca. Mañá volverá a repetirse un proceso semellante. Amencerá sen chuvia, pero con vento do suroeste, e chegarán chuvias no mediodía. Serán intensas no mediodía e primeiras horas da tarde. No final da tarde e na noite repetiranse no litoral entre Fisterra e Muros. O domingo estará máis cuberto todo o día, con chuvias moderadas nas horas centrais do día e menos chuvias no resto do día, aínda que poden aparecer en calquera momento do domingo. A partir do luns, ou máis ben do martes, volverán varios días de sol.
- Función dobre para a estrea de "O Tolleito de Inishmaan". A compañía galega Contraproduccións, da que forman parte recoñecidas caras como Susana Dans, Ana Santos, Santi Romay, Marcos Pereiro, Luis Iglesia, entre outros, estará hoxe e mañá no auditorio do Pazo da Cultura de Carballo. As funcións son ás 21 horas.
- A función do domingo correrá a cargo da compañía LÒm-Imprebís que estrea en Galicia a súa obra "La Crazy Class". O espectáculo será ás 21 horas no auditorio do Pazo da Cultura de Carballo. O custe da entrada é de 7€.
- Tamén continúan as citas da Rúa dos Contos. Esta noite - ás 23:30 horas, estarán na cervexaría A Bombonera "Fantoches Baj". A entrada é de balde. E mañá Touriñán e Pepo Suevo ofrecerán un espectáculo no segundo andar do mercado municipal. A cita comeza ás 23:30 horas e a entrada ten un custo de 5€.
- Cee. Davide Salvado ofrece este sábado ás 20:30 horas un concerto comentado na casa da Cultura de Cee. "Cantos da Galiza a través de Davide Salvado" enmarcase dentro da programación do Mes da Fundación organizado pola Fundación Fernando Blanco de Cee.
- Esta noite comeza no edificio Multiusos de Santa Comba o segundo ciclo de monólogos RíXallas 2016. O encargado de abrir este ciclo esta noite é Pepo Suevos ás 22 horas.
- A programación cultural do concello de Vimianzo trae mañá a Carlos Blanco ata a casa da Cultura. "Carlos ao vivo" é o título do monólogo que ofrecerá este recoñecido actor. O custe da entrada é de 5€ (2,50€ para estudantes, maiores de 65 anos e parados).
- O grupo Chévere visita mañá a casa da Cultura da Picota onde interpretará a obra "Eroski Paraíso". A cita que é gratuíta e para a que hai prazas limitadas comeza ás 21:30 horas.
- O centro cultural de Muros acolle mañá ás 18 horas o espectáculo de teatro “O poder de Amabel”; unha obra de monicreques e actores dirixida ao público familiar e que está inspirada na novela infantil de Érica Esmoris.
- Candido Pazó trae mañá ao salón de Voluntariado de Muxía o seu espectáculo "Memorias dun neno labrego". A cita é as 20 hroas e a partir das 19:30 hroas xa se poden retirar as entradas que teñen un custe de 1€.
- Este domingo comeza en Laxe a décima edición da Mostra de Outono de Teatro. O encargados serán Isabel Risco e Fran Rei, de Culturactiva, co seu espectáculo dirixido a todos os públicos "Retrincos de Castelao". A función comeza ás 19 horas no salón de actos do concello.
- En Muxía celebran mañá as festas do San Miguel cun grupo na sesión vermú e unha verbena a cargo da orquesta Olimpus.
- O centro cívico de Malpica acolle durante todo o mes de outubro a exposición fotográfica de Marcos Rodríguez “Asunción, María e José”. Cada unha das fotos conta unha historia vital, que invita a viaxar no tempo, sentir o calor da lareira, o peso das zocas nas lameiras, o suor tras unha dura xornada de traballo na leira…
- Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar todos os días da semana en horario de 10:30 a 14 horas e de 16 a 19 horas.
- As Torres do Allo, en Zas, poderanse visitar os venres, sábados e domingos de 11 a 19 horas.
- Conversas Atlánticas en Camelle. Continúan os relatorios nos que no Museo Man de Camelle organizados pola A.C. Naufraxios Galegos.
- Noiteando en Vimianzo. Os adolescentes maiores de 12 anos teñen hoxe de 21 a 23 horas unha cita na casa da Cultura de Vimianzo. Desta forma, o concello ofrécelle alternativas de ocio á mocidade.
- O Celme Café de Vimianzo acolle mañá, a partir das 23:59 horas, o concerto do grupo Gramola que fará un repaso polos mellores éxitos das décadas dos 70, 80 e 90.
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com).