Chegan as primeiras festas do ano á #AxendaCostadaMorte

07:15 19/01/18

Parte Costeiro
O tempo na fin de semana vén marcado pola presenza de moitas nubes e moita humidade. Non choverá moito, pero si que os orballos estarán presentes en boa parte da fin de semana. Orballará na madrugada do venres, pero a partir do amencer apenas quedarán chuvias. Seguirán as nubes, pero os orballos non voltarán ata a madrugada do sábado (e especialmente ao litoral oeste).
O sábado será o día con máis humidade. Orballará desde o amencer ata as 3-4 da tarde de xeito persistente. Non acumularán moita chuvia, pero si será un día pesado e gris. Na tarde seguirán os orballos máis intermitentes no litoral oeste (entre Fisterra e Muros) e apenas caerán no resto da Costa da Morte.
Na madrugada do domingo pode orballar en calquera punto da comarca, pero a partir do amencer do domingo quedarán só no litoral oeste. Alí estarán presentes durante gran parte do domingo, o mesmo que nas zonas altas, pero no resto da Costa non choverá no domingo e no litoral norte abriranse algúns claros e as temperaturas chegarán aos 14 graos.
As temperaturas na fin de semana serán moi suaves, variando entre os 10 e 13 graos, agás ese domingo pola tarde no litoral norte que serán un chisco máis altas. O vento soplará do sudoeste toda a fin de semana e terá refachos fortes no litoral norte durante o sábado. O mar calmaráse e as ondas estarán nos 4 metros durante o venres e o sábado baixando ata os 2-3 metros no domingo.
Principais citas da fin de semana
- Inauguración exposición en Vimianzo. A sala de Exposicións Antón Mouzo, na Casa da Cultura de Vimianzo, acolle hoxe ás 20 horas a inauguración da exposición de Rosana Calvo e C. Beiro. A mostra poderá verse até o 18 de marzo de 2018.
- Xornadas arqueolóxicas en Mazaricos. A casa da Cultura da Picote acolle hoxe pola mañá un encontro no que distintos expertos analizarán o patrimonio arqueolóxico do concello.
- Teatro en Muros. O centro cultural de Muros acolle mañá sábado, ás 21:30 horas, a obra de teatro "Cranios privilexiados... ou crítica da razón perralleira" de Mofa e Befa, P.T. Excéntricas.
- Festas de San Vicenzo en Vimianzo. Mañá, domingo e o luns a localidade de Vimianzo honra ao seu patrón, san Vicenzo. O sábado a música correrá a cargo do grupo Bomba, grupo D`Moda e Groove Amigos. Xa o domingo, haberá sesión vermú co grupo D`Moda. E o luns tan só haberá actos litúrxicos.
Exposicións
- A Tenda Turística Stoupa acolle este mes unha exposición do autor muradano Roque Rey.
- Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar martes a domingo de 10:30 a 14 e de 16 a 19 horas. Visitas guiadas gratuítas: sábado e domingo ás 12 e ás 19 horas.
- Conxunto etnográfico do Mosquetín. O conxunto de muíños e batáns do Mosquetín abre as súas portas todos os días da semana dende as 11 horas ata ás 18 horas. Os sábados e os domingos hai visita guiada ás 13 e ás 18 horas.
- As Torres do Allo, en Zas, abre sábados e domingos e festivos (de 11 a 19 horas). Ademais, o pazo acolle unha mostra de pezas de Olería de Buño e ofrece visitas guiadas gratuitas ás 13 e ás 17 horas.
- No dolmen de Dombate ofrécense visitas guiadas todos os días de 10:30 a 14 e de 16 a 18:30 horas.
Máis información
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)