Coimbra analizou a realidade dos neofaltantes de galego coa aportación de QPC
A realidade dos Neofalantes foi o tema principal do Congreso “Focusing on Policies and Practices, the New Speakers”, organizado esta pasada semana na mítica Universidade de Coimbra. Un encontro no que especialistas de toda Europa discutiron políticas para tratar esta nova realidade social vencellada ás linguas mal chamadas minoritarias.
Unha delas foi o galego, que tivo unha presencia destacada nos paneis. Foi o director do diario Quepasanacosta, Ubaldo Cerqueiro, un dos ponentes da mesa que tratou sobre a realidade dos neofalantes de galego e a realidade do panorama mediatico do galego no noso país. Xunto a el, o director de Galicia Confidencial, Xurxo Salgado, o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Panel sobre os medios en galego de CoimbraInteresantísimo o panel presentado por Anik Nandi, da Universidade Queen’s University Belfast, e Bernadette O’Rourke, da Heriot-Watt University, un indio e unha irlandesa que falan galego coma nós. Despois das súas intervencións dando un repaso teórico á situación da lingua galega, Ubaldo contou a súa experiencia como neofalante nado nun ambiente castelánfalante como o da Coruña, facendo fincapé nas dúas realidades sociolingüísticas galegas: a rural e a urbana. Ubaldo destacou que un neofalante, pode chegar mesmo a dirixir un medio escrito integramente nesa nova lingua.
Así mesmo, o vicepresidente da Asociación Galega de Medios (AMEGA) puxo o balón no tellado da Xunta destacando a falta de apoio institucional que reciben os medios na lingua propia do país. Valentín García, como responsable na materia, saíu do paso asegurando que a Secretaría de Política Lingüística aporta 200.000€ a medios en galego (maioritariamente xornais mensuais comarcais en papel), esquecendo que non houbo un duro para os medios dixitais en galego, e que entregou 1,6 millóns de euros a medios en castelán por publicar apenas un 8% en lingua galega.
Foi Xurxo Salgado o encargado de repasar a complicada situación da lingua galega no panorama mediático galego, e pediulle a Xunta que recupere grandes proxectos de dinamización da lingua dos medios institucionais como o Xabarín.
Máis presencia do galego
O congreso incluiu numerosos paneis que serviron para analizar a situación dos “newspeakers” en moitas partes de Europa. A realidade do gaélico en Escocia, o irlandés en Irlanda, o galés no País de Gales, o Bretón na Bretaña, o euskara no País Vasco, ou do catalán en Cataluña, (e dos seus neofalantes) foron analizadas en numerosas mesas. Un repaso que nos deixa a conclusión de que a situación da lingua galega, a pesar de estar decrecendo considerablemente, está nunha situación de privilexio.
Íñigo Mouzo falando sobre a súa experiencia como neofalante en CoimbraHoubo outra mesa na que se tratou a realidade galega. Foi o historiador herculino con raíces laxenses, Íñigo Mouzo, o que contou a súa experiencia sobre como decidiu cambiar cara o galego nun entorno tremendamente hostil, sociolingüísticamente falando, como o da Coruña. As súas viaxes a Laxe foron fundamentais para o seu paso.
Nese mesmo panel falou tamén Facundo Reyna Muniaín, arxentino aficando en Galicia, que falou da realidade da diáspora galega en Bos Aires. Moi interesante a reflexión que deixa o seu estudo sobre esa falta de identidade que teñen algúns galegos de segunda xeracións cando perden aos seus pais, os únicos falantes de galego como lingua materna que queda na familia. Para moitos ese é o momento de comezar a pensar en coidar a lingua mesmo enviando aos seus fillos a colexios galego falantes.
Así mesmo, Sabela Fernández e José Ramom Pichel tamén presentaron o seu documental "Porta para o Exterior", unha visión galego-lusista, alonxada de complexos e prexuizos, que analiza a situación privilexiada da lingua galega no contexto internacional::
Porta para o exterior from axouxerestream on Vimeo.
En conclusión, unha cita moi produtiva para que sociolingüísticas de toda Europa coñezan as novidades en políticas para mellorar o estado das linguas, e coñecer de primeira man testemuñas de neofalantes, coma os casos galegos.
Máis información
Novas relacionadas
- #10anosQPC con Dani Cerqueiro: “Cando escoitei a Louzan dicir que dimos voz á sociedade civil da Costa da Morte sentinme orgulloso”.
- QPC cumpre #10anos.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).