Completísima Axenda Cultural da fin de semana na Costa da Morte


Última fin de semana de outubro e a Axenda Costa da Morte está completiña. Teatro, jazz, blues, cogumelos, literatura, monólogo, sendeirismo, frikismo… Todo na fin de semana previa ao Haloween, ou mellor dito, do Samaín, na Costa da Morte.
E comezamos en Carballo, coa recta final do FIOT, que terá 2 sesións o venres, 4 sesións o sábado e outras 2 o domingo. E en clave teatreira trasladámonos ao domingo cando Laxe e Vimianzo continúen coas súas apostas de outono.
O venres haberá tamén unha interesante presentación do libro "Piel de Salitre" en Ponteceso, e tamén un concertazo de jazz no Pub A Ventana de Laxe.
A febre polos cogumelos comeza este ano coas II Xornadas Micolóxicas de Vimianzo, que terán sábado e domingo, saída, charlas e degustacións.
E en clave gastronómica, cómpre achegarse ata a Festa das Fabas da Trabe, en Ponteceso, que xa celebra a súa 22ª edición.
Seguindo en Ponteceso, este sábado remata o programa "Outono Pondaliano" cun completa tarde noite literaria con Méndez Ferrín, entre outros, ao calor da Lareira da Fundación Eduardo Pondal.
A actividade cultural ceense céntrase en figuras historícas. Por un lado, Joan Creus impartirá o sábado unha conferencia en clave arquitectónica sobre Domingo Antonio de Andrade. E polo outro estes 27 e 28 de outubro de 2012, se celebran os Actos do 216 Aniversario do nacemento do mecenas ceense Fernando Blanco de Lema, artellados pola súa fundación.
O sábado haberá ofrenda, misa e concerto, e pola noite monólogo. E para o domingo toca Planetario portátil e “Contacontos da Natureza” a cargo da compañía Duende Sico.
Máis cousas, en Muxía temos varias citas, como o sábado co Día da Horta Activa na Rectoral de San Martiño de Ozón, no que o Albergue Auroras del Camino tamén adicará un domingo completo adicado ao cooperativismo.
Ademais, a tarde noite do sábado cómpre non perderse o monólogo do fantástico Pedro Brandariz na vila da Barca.
Os máis festexeiros non se poderán perder a Frikifesta de Vimianzo, mentres que os amantes da natureza poderán facer sendeirismo pola zona de Razo e Baldaio con Senda Nova.
- Axenda Patrocinada polo Hotel-Restaurante El Hórreo: Coñécenos polo Facebook do El Horreo Rte.
Máis información
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).