Martes. 23.04.2024
El tiempo

Facendo reconto do Encontro de Artes Escénicas de Muxía

Facendo reconto do Encontro de Artes Escénicas de Muxía

Hoxe traemos un artigo de Miguel Vázquez Freire sobre o Encontro de Artes Escénicas, desenvolto en Muxía o pasado verán no marco do Foro Costa da Morte. Un encontro que fixo que a danza se achegase ata Costa da Morte en todo o seu esplendor, sen renunciar á "vangarda estética", como destaca o propio coordinador.

Aquí deixamos as súas palabras concluíntes agardando que o vindeiro verán poidamos disfrutar e máis danza.

Facendo reconto do Encontro

Concluído o Encontro Artes Escénicas que, da man do Foro Costa da Morte, organizamos en Muxía, unhas primeiras e breves notas. Cómpre revisar os procedementos de difusión do evento porque os carteis e os trípticos se evidenciaron insuficientes para que chegase a pleno coñecemento das xentes da vila e vilas circundantes. A curva crecente dos espectadores (28 na primeira peza, o solo de danza de Estela Lloves; 44 na segunda, o solo de danza de Ana Buitrago; cheo -algo máis de 60 persoas- na terceira e última, a obra de Antonio F. Lera) semella indicar que a noticia das actividades se foi dando a coñecer lentamente. Desde o primeiro momento, o tipo de actuacións non tiña vocación de masivas, por iso o espazo escénico non permitía acoller máis de 60 persoas sentadas. Pero estamos seguros de que un maior acerto na difusión tería permitido chegar a moita maior xente.

Por outra banda, tampouco acertamos a concitar a atención dos medios que, agás excepcións, apenas cubriron as actividades. Pero, desde logo, non era este o obxectivo prioritario. O máis importante, e isto coido que se conseguiu sobradamente, foi favorecer un espazo para o encontro -como se destaca no nome adoptado- entre artistas que intercambian expeeriencias e presentan publicamente traballos en proceso. Cómpre salientar que tanto a peza de Ana como a obra de Antonio F. Lera foron estreas absolutas, así como o vídeo escénico "A danza do paspallás" (de Elena Córdoba e Chus Domínguez), producido expresamente para o Encontro. En canto ao de Estela, foi unha adaptación tamén específica dun traballo en vía de investigación e desenvolvemento.

Para rematar, hai reaccións que demostran que algúns prefiren optar polo desprezo do que ignoran antes que xulgar con coñecemento. En quepasanacosta puiden ler o comentario dun que asinaba usuariocamariñas dicindo: "Nin que fose o ballet ruso de Diagilev, xa chega, oh". Non, non era o ballet ruso, claro que non. Aínda que, mira que curioso, nestes momentos Ana Buitrago debe andar voando cara Moscú onde actuará e impartirá un obradoiro a vindeira semana. Seica agora os rusos emprestan máis atención aos intérpretes de danza contemporánea desta parte do mundo que algún de Camariñas...

Un dos logros dos Encontros foi recuperar espazos "mortos", como di Manuel Sendón, para as intervencións culturais. Velaquí o baixo do mercado convertido en escenario teatral, coa colaboración fundamental na iluminación de Pedro Fresneda.

  • Miguel Vázquez Freire.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios