José Casás García gaña o Premio de artigos xornalísticos de Carballo


Xa temos gañador, o xurado do X Premio a artigos xornalísticos normalizadores reuniuse onte, sábado 10 de maio, para decidir o artigo gañador deste certame, ao que se presentaron 33 traballos, e decidiu concederlle o premio, dotado con 1.000 euros e a publicación do artigo varios xornais de toda Galicia entre os que se atopa QPC, ao artigo titulado «Os exemplos», de José Casás García.
Segundo o xurado, o recoñecemento deste artigo débese á súa capacidade de conectar coas xeracións máis novas, por tender pontes xeracionais entre esforzos e exemplos normalizadores de onte (a Xeración Nós, por exemplo) e hoxe (a Xeración Xabarín, por exemplo) e por facer ver a importancia de iniciativas e de referentes novos que poñan en valor a lingua galega.
O artigo será publicado o domingo 18 de maio nas seguintes publicacións: Diario de Bergantiños, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos.
Festa de entrega
A entrega de premios terá lugar este venres 16 da Festa da Lingua, que terá lugar no Pazo da Cultura de Carballo coa actuación de Os Tres Trebóns e García Mc, ás 21.00 h, con entrada libre e gratuíta.
José Casás García

José Casás García (Cerceda) é xornalista, licenciado pola Universidade de Santiago de Compostela, e Máster en Comunicación e Industrias Creativas. Traballou como redactor en prácticas na Radio Galega e no Consello da Cultura Galega. Agora mesmo é director de comunicación da empresa PositiBos.
O xurado do X Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo estivo composto por Belén Puñal, xornalista carballesa e colaboradora de diversos medios; Mariña Pérez Rei, profesora e gañadora da edición de 2013; Cristina Abelleira, xornalista carballesa; e Nel Vidal, técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo, como secretario, sen voto.
Dando Vitaminas ao Galego
En clara sintonía coa intención da Asociación de Medios de Medios en Galego, os obxectivos do premio son promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o uso do idioma galego e promover o emprego do galego na prensa escrita.
«A convocatoria do Premio cumpre os seus obxectivos de promover a reflexión sobre a situación da lingua galega», ademais «valora positivamente os traballos presentados, a participación e o traballo individual dos/as autores/as para achegar argumentos favorables á normalización da lingua galega», polo que «anima a todos/as os/as participantes a intentaren publicar e difundir o seu artigo, aínda que este non fose premiado».
Nas nove edicións anteriores deste certame foron premiados/as autores/as como Xurxo Fernández Carballido, Olga Patiño Abeixón, Ana Rodríguez Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera Fociños, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, María Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde, Carlos Callón ou Mariña Pérez Rei.
Novas relacionadas
- O Premio a artigos xornalísticos normalizadores de Carballo chega á súa décima edición.
- Corenta persoas de dezasete nacionalidades comezan en Carballo a coñeceren a lingua e cultura galegas.
- Aprendendo a cantar nanas en galego.
- A lingua confíase aos nenos.
- A Carballo Gústalle o Galego con 46 artigos normalizadores.
- Premio 2013: O “sotaque” de Aurelia, artigo gañador do certame normalizador de Carballo.
- Premio 2012: Carlos Callón: Fai teu o galego!.
Fonte
- Servizo de Normalización do Concello de Carballo.