Venres. 03.05.2024
El tiempo

O Premio a artigos xornalísticos normalizadores de Carballo chega á súa décima edición

O Premio a artigos xornalísticos normalizadores de Carballo chega á súa décima edición
Certame Artigos Normalizadores Carballo 2014

Un ano máis, o Concello de Carballo aposta pola necesidade de manter o galego nos medios de comunicación, en clara sintonía coa Asociación de Medios en Galego. E xa van 10 anos do Premio a artigos xornalísticos normalizadores, un certame xa consolidado que ten como obxectivos promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o uso e prestixio do idioma galego e promover o seu uso na prensa.

O Concello carballés conta coa colaboración de 9 medios de comunicación, entre os que se atopa QPC, que promocionan o certame, e que publicará o artigo gañador, que recibirá ademais un premio de 1.000€.

Ao certame pódense presentar artigos xornalísticos inéditos de opinión que traten algún tema concreto relacionado coa situación sociolingüística do noso país, co fomento da lingua galega, co seu estatus, co argumentario a prol do uso do galego, coa lexislación e os dereitos lingüísticos, con experiencias sociolingüísticas concretas, con propostas para o impulso do uso e prestixio social do galego, con experiencias útiles ou favorables para a dinamización da lingua, coa política lingüística en xeral ou nalgún ámbito ou situación determinada, etc.

Nas principais cabeceiras do país

Outorgarase un premio económico ao artigo gañador, dotado con 1.000 euros, ademais da difusión nos diversos medios colaboradores coa iniciativa: Diario de Bergantiños, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos.

Grandes nomes

En edicións anteriores foron premiados/as autores/as como Xurxo Carballido, Olga Patiño, Ana Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde, Carlos M. Callón ou Mariña Pérez Rei. Todos os artigos premiados tiveron unha gran repercusión, xa que foron publicados e difundidos por todos os medios colaboradores cada ano.

Máis información

Os artigos deberán ter entre 1.800 e 3.300 caracteres con espazos incluídos. O prazo de admisión de artigos inéditos está aberto até o 11 de abril de 2014.

As bases completas poden consultarse no sitio web do Concello de Carballo (www.carballo.org). Tamén se pode obter máis información no Servizo de Normalización Lingüística, no teléfono 981 704 304 ou no enderezo electrónico [email protected].

Novas relacionadas

Comentarios