Martes. 23.07.2024
El tiempo

Mariña Pérez Rei gaña o IX Premio a artigos xornalísticos de lingua do Concello de Carballo

Mariña Pérez Rei gaña o IX Premio a artigos xornalísticos de lingua do Concello de Carballo
Premios Artigos Normalizadores Carballo 2013

O vindeiro domingo 19 de maio coñeceremos o artigo «O sotaque de Aurelia», pero hoxe xa damos conta da súa autora, a escritora e profesora Mariña Pérez Rei, gañadora dos 1.000€ do IX Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2013. A publicación realizarase nos 12 medios colaboradores (De Luns a Venres, Diario de Bergantiños, Dioivo, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, O Compás da Costa, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza), ese domingo se ben a entrega de premios será o mércores 15 de maio nun acto público no que haberá unha actuación de Carlos Blanco, e que terá lugar no Pazo da Cultura de Carballo.

Segundo o xurado, o recoñecemento deste artigo entre os 46 presentados débese á súa capacidade de incidencia en públicos amplos e variados, á súa calidade lingüística e estilística, á súa relación coa actualidade, ao manexo axeitado de recursos estilísticos e ao encadramento nun tema de actualidade, o despoxo de Aurelia Rei como metáfora e moito máis, que amplía o campo de incidencia do artigo a outros públicos alén dos estritamente interesados no debate sociolingüístico.

A Autora

Mariña Pérez Rei (Ames, 1966) é escritora e profesora. Como escritora ten publicados poemarios como Fanerógama (2006), Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante (2009) ou Paquidermo (2010). En narrativa é autora de obras como Canícula (2007), Costa necrópole (2010) ou Contrapicados (2012). Gañou premios como o Eusebio Lorenzo Baleirón, o Lureiro Rei ou o Avilés de Taramancos. Como profesora exerce no instituto de Brión.

O Xurado

O xurado do IX Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo estivo composto por Belén Puñal, xornalista carballesa e colaboradora de diversos medios; Carlos M. Callón Torres, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e gañador da edición de 2012; Xurxo Chapela, xornalista carballés; e Nel Vidal, técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo, como secretario, sen voto.

Obxectivos do certame

Os obxectivos do premio son promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o uso do idioma galego e promover o emprego do galego na prensa escrita.
O xurado agradécelles a todos/as os/as autores/as a súa participación e sinala que «a convocatoria do Premio cumpre os seus obxectivos de promover a reflexión sobre a situación da lingua galega», e que «a calidade dos traballos presentados é alta», polo que anima aos autores e autoras non premiadas a difundiren e publicaren igualmente os seus artigos.

Nas oito edicións anteriores deste certame foron premiados/as autores/as como Xurxo Fernández Carballido, Olga Patiño Abeixón, Ana Rodríguez Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera Fociños, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, María Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde ou Carlos Callón.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios