luns. 21.04.2025
El tiempo

Menuda #AxendaCostadaMorte para esta ponte de maio

Menuda #AxendaCostadaMorte para esta ponte de maio
Axenda Costa da Morte ponte maio 2015

Menuda ponte completa que nos espera. A Axenda Costa da Morte está a rebentar, cunha marea Festas, pero moitas máis cousas: feira, danza, teatro, música, camiñadas, encontros artísticos… Un pouco de todo, pero antes de debullar as citas, traemos o exclusivo parte costeiros que nos mandan os amigos de 4gotas.com, que vén complicadísimo...:

Chuvia para a ponte de maio na Costa da Morte

A ponte pinta bastante mal na Costa. Será MOI gris e MOI chuviosa. Soprará o vento do sur-suroeste moderado con refachos fortes durante toda a ponte. Acumulararanse importantes cantidades de chuvia entre Muxía e Muros (tamén no interior). Onde menos choverá será nos arredores de Malpica e o día de menos chuvia semella que será o sábado, pero ollo ao domingo que choverá arreo en toda a Costa.
En 4 días en lugares como Vimianzo, Cee, Corcubión, Carnota, Muros, Dumbria, Mazaricos ou Santa Comba choverá o mesmo que o que acostuma a chover en todo o mes de Abril e choverá máis que o que soe chover nun mes de maio normal...

A finde arrinca o xoves

Xa o xoves temos varias citas interesantes pola volta. E o facemos en Carballo, cunha sesión de contacontos e unha de danza para pechar o ciclo primaveral.

Pero tamén o facemos en clave de verbena, co comezo das Festas do Carme do Anllóns, en Ponteceso que encherán de troula a zona xoves e venres.

Fin de semana moi artístico e artesanal

Varias citas singulares esta ponte arredor da arte costeira. Como a tradicional Exaltación da Fía do Liño.

E tiñamos gañas de achegarnos polo I Rastriño Internacional na Fin do Camiño, pero por mor do mal tempo queda aprazado para o sábado 9 de maio.

Ademais, singular e simbólico será o I Encontro de Artistas no Faro Vilán, unha cita a nivel nacional que pretende convertir o espazo natural costeiro nun referente cultural.

De Festas

E recollemos as festas da ponte, que non serán poucas. Ademais das Festas do Carme do Anllóns, teremos as Festas de Santa Irene de Salto, en Vimianzo, durante toda a ponte. O sábado, ademais, e tamén en Vimianzo, tocan Festas en Serramo.

De Andainas

O sábado iamos percorrer zonas montañosas e boscosas na Andaina de Dumbría pero queda aprazada polo mal tempo; no marco do programa Coñece a Costa da Morte. Ademais, para o domingo, teremos doble sesión, coa 4ª etapa do Camiño dos Faros entre Laxe e Arou, ou a Ruta con Senda Nova por Caión.

Moito teatro e música

Teremos o venres un par de citas musicais. A primeira, tradicional, co XXVII Día da Muiñeira de Cee, e outra en clave de soul, co Concerto de Flying Carpet en Laxe.

O sábado toca teatro, comezando ca obra de Sarabela Teatro en Cee, rematando co Grupo de teatro de Ames na Mostra de Teatro Xosé Agrelo de Muros.

E para o domingo, no Maio Musiqueiro de Vimianzo, teremos á Escola de Música de Vimianzo facendo unha boa demostración de pandeireta, gaita e percusión.


Máis información

Tendes toda as citas debulladas en:


Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios