Música, naufraxios, teatro e camiñadas para a #AxendaCostadaMorte


Van collendo forma as fins de semana na Costa da Morte. Temos a Axenda algo máis completa, cun pouco de teatro, monólogos, naufraxios, poesía, charlas, roteiros, e xa algo de entroido, quecendo motores para a vindeira semana.
Pero antes, e coma sempre da man dos compañeiros de 4gotas.com, acheganmos o parte meteorolóxico:
A fin de semana na Costa teremos un pouco de todo. Os días van crecendo e o tempo quere ser primaveral, pero aínda "de comezo da primavera" porque teremos momentos de chuvia. O venres será un día frío con chuvascos intermitentes, pero algún deles moderado. Sobre todo pola mañá. Na tarde serían máis espallados no tempo, pero na noite e madrugada si que serán máis frecuentes.
O sábado teremos unha suba das temperaturas. Chegaremos ata os 13-14ºC no mediodía e cun tempo moi distinto entre o sur e o norte da Costa. De Carnota a Fisterra haberá moitas nubes boa parte do día con moita humidade. De Muxía a Malpica pola contra haberá bastante sol. O vento será do sur e acumulará as nubes ao sur de Fisterra.
O domingo aumentará o vento, terá refachos fortes do sur e agardamos o paso dunha fronte. No final da mañá algo choverá, pero semella que o máis importante da chuvia chegará a partir das 6 da tarde (de tódolos xeitos, atentos á 4gotas.com porque aínda non está claro o momento exacto no que chegará esa fronte)
Axenda cargada
E arrincamos o repaso a Axenda cunha das citas máis singulares da fin de semana. O Faro Vilán acolle a presentación da Ruta dos Naufraxios de Camariñas en Realidade Aumentada, nunhas xornadas que dirarán venres e sábado e que, tras varias charlas, rematarán cun roteiro na mañá sabatina guiado por grandes especialistas.
A tarde do venres poderá ser aproveitada na ludoteca de Carballo para facer un obradoiro de chapas para Rosalía, rememorando o seu aniversario do seu nacemento. E aproveitamos para quedar na capital bergantiñá para disfrutar do teatro dos Venres Culturais con Teatro do Atlántico.
Poderemos pechar a noite a ritmo de música en tamén Carballo, ou baixar cara o sur e disfrutar dun simpático monólogo en Cee.
Para o sábado, e ademais da cita do Vilán, por Cerqueda abren o Entroido cun Gran Cocido. Teremos tamén un fantástico concerto de versións en Vimianzo.
E como cumio, poderemos disfrutar dun Sábado Erótico nos bares do Atallo do Muxo, en Muros.
E o domingo tamén chega completo, arrincando ben cedo pola mañá coa 1ª etapa do Camiño dos Faros, nesta 3ª edición. En Cabana, e xa pola tarde, teremos unhas interesantes reflexións sobre Aqueles Salóns de baile. En Fisterra terán unha cita con Rosalía.
E coma sempre, a fin de semana remata ca Cita Dominical de Vimianzo (en maiúsculas), e toca Tangatutanga, con "Urraca".
Máis información
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).