Venres. 26.04.2024
El tiempo

Novas citas contra a LOMCE en Cee e Vimianzo

Novas citas contra a LOMCE en Cee e Vimianzo

Nova semana de loita aberta contra os recortes no ensino. A nova lei de educación (LOMCE) segue sendo rexeitada por toda a comunidade educativa. Mestres, pais e nais e alumnos seguen tremendo polas consecuencias do anteproxecto de lei coñecido como Lei Wert ou LOMCE.

"Nunca unha lei, no ámbito do ensino, nos últimos 40 anos foi tan perigosa para educación das nosas fillas e fillos", expresan dende a Federacion de Anpas da Costa da Morte. E para demostrar o rexeitamento e ademais informar, esta semana hai dous actos, un de loita en Vimianzo e un de informacion en Cee, ás que se unen a proposta de folga estudiantil de Galiza Nova.

Martes de loita en Vimianzo

Para expresar o desacordo ante os recortes no ensino e a imposición dunha nova lei de educación (LOMCE), o profesorado do IES Terra de Soneira convocan unha concentración para o martes 7 de maio ás 12:30 diante da porta principal do instituto baixo o lema "Por unha educación pública de calidade".

Cita informativa en Cee

Cita informativa Contra a Lomce en Cee

Para coñecer as razóns do rexeitamento á nova lei, as anpa IES Agra de Raices, a anpa UXIO do CEIP Eugenio López, e a propia Federación de ANPAs da Costa da Morte organizan para este mércores 8 de maio ás 20:00 horas no salón de actos do concello de Cee un acto informativo. María Rei Vilas, Licenciada en Bioloxía pola USC, DEA en Didáctica e Organización Escolar pola UDC e membro da federación de ANPAs da Costa da Morte, responderá ás seguintes preguntas:

  • Que consecuencias terá para as nosas fillas e fillos a nova lei de educación (LOMCE)?
  • En que van consistir as reválidas?
  • Como se obterá o título da ESO?
  • Quen vai poder estudar?
  • Canto nos vai custar?
  • Cal vai ser a participación de nais e pais nos centros de ensino?

Folga estudiantil

Folga de ensino 9 de GZNova

A Asemblea Comarcal de Galiza Nova chama á mocidade a mobilizarse o vindeiro 9 de maio en Cee ás 11:30h diante do IES Fernando Blanco contra o modelo educativo do PP, nomeadamente contra a Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE). Esta reforma, xa coñecida como a Lei da Wertgoña, que pretende trasladar ao ensino público un modelo neoliberal e que afonda nas diferenzas sociais no canto de contribuír a que todas e todos teñamos acceso en igualdade de condicións a unha educación pública de calidade, contan.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios