Domingo. 03.11.2024
El tiempo

O FIOT pecha definitivamente a súa 27ª edición coa final do Concurso de teatro lido 'Xosé Manuel Eirís'

O FIOT pecha definitivamente a súa 27ª edición coa final do Concurso de teatro lido 'Xosé Manuel Eirís'
Aínda que a programación de sala xa rematou hai pouco máis dunha semana, o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT)  poñerá fin á edición deste ano coa celebración da final do Concurso de teatro lido 'Xosé Manuel Eirís', que terá lugar este domingo 11, ás 18.00 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura carballés. Un total de 42 grupos e preto de 300 estudantes de colexios da comarca de Bergantiños sumáronse a esta convocatoria, unha cifra que supera a de anos anteriores. Despois de escoitar as gravacións realizadas no estudo de Radio Voz Bergantiños, os finalistas foron consensuados polo xurado, integrado por Alba Bermúdez, actriz profesional, co-fundadora de Galeatro e colaboradora do FIOT; Santiago Pazos Iglesias, gran afeccionado ao teatro, articulista teatral e colaborador con medios de comunicación, Maruxa Suárez Cotelo, educadora infantil, voluntaria do FIOT e membro da Aula de Teatro Municipal de Carballo, e Francisco José Rodríguez Rodríguez, locutor de Radio Voz, entidade colaboradora. Entrega de galardóns Será no acto deste domingo cando os grupos seleccionado volven interpretar fragmentos das súas obras e, tras unha nova deliberación do xurado, realizarase a entrega dos premios. Os clasificados recibirán premios patrocinados pola Libraría Brañas de Carballo, valorados en 850 euros e canxeables por libros e material didáctico. O acto estará presentado por Caxoto e ao final celebrarase unha chocolatada! Finalistas Velaquí unha relación dos finalistas: 1ª categoría (Educación Infantil e Primaria): -Pobres animaliños, do grupo Agasallo do CPR Artai -Maruxa a Mariñeira, do grupo Mariñeiras do CPI plurilingüe Cabo da Area de Laxe -Quero ser outro, do grupo Cardume do CEIP Fogar -O galo Quirico, do grupo Os Teatreiros do San Luís, do CEIP Xesús San Luís Romero 2ª categoría (ESO, Bacharelato e CF): -As sete mulleres de Anllóns, do grupo As Sete Mulleres de Anllóns do CPI As Revoltas de Cabana -O ladrón, do grupo Os teatreiros do Monte Neme, do IES Monte Neme -Puchiño vermello, do grupo Lendo Lendas do IES Alfredo Brañas

Comentarios