O FIOT recibe o premio da Cultura Galega de Artes Escénicas
18:39 25/09/18
A próxima fin de semana arranca a 27ª edición do FIOT con máis de 40 espectáculos diferentes (Imaxe: 2017)
Comeza con bo pé a XXVII edición do Festival Internacional Outono de Teatro – FIOT – xa que o festival vén de recibir o premio da Cultura Galega de Artes Escénicas outorgado pola consellería de Cultura, Educación e Ordenación
Universitaria da Xunta de Galicia. O fallo coñeceuse onte nun acto que tivo lugar na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela onde representantes da consellería destacaran a traxectoria do festival carballés que nos seus 27 anos de vida "se converteu en todo un referente na difusión e visualización das artes escénicas en Galicia".
Pola súa banda, o presidente da asociación cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro Pastoriza, mostrouse “grata e inesperadamente sorprendido porque nin sequera sabíamos que eramos candidatos”. Tras apuntar que o galardón “é unha honra e unha satisfacción”, Sueiro destacou que “o FIOT leva case 30 anos traballando para achegar o teatro á xente dende unha vila e este premio confirma que se poden facer grandes cousas dende as vilas, non fai falta ser una capital ou unha gran cidade para facer cousas de interese xeral”. “Hoxe, recén premiados, no FIOT lembrámonos de todos os que durante estes anos
axudaron e colaboraron con Telón e Aparte. Este premio anímanos a seguir traballando para que Carballo siga sendo o corazón das artes escénicas de Galicia”, concluíu Alberto Sueiro.
Xunto co FIOT, tamén resultaron galardoados cos Premios da Cultura Galega 2018 Xosé María Álvarez Cáccamo, Luz Darriba, A Roda, o Festival de Cans, Antón Santamarina, a asociación O Sorriso de Daniel e Ramón Villares.
Os galardóns teñen como obxectivo de apoiar a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia nos ámbitos das letras, das artes plásticas, das artes escénicas, da música, do audiovisual, da lingua, do patrimonio cultural e da proxección exterior, que son as oito modalidades que contemplan os galardóns.
Venta de entradas
Por outra parte, hoxe abriu a venta de bonos para o público en xeral. A compra anticipada das entradas pode facerse a través plataforma Ticketea, na propia web do festival (fiot.gal) ou a través da súa páxina de Facebook (https://www.facebook.com/festivafiot) As entradas tamén se poden mercar de forma anticipada por vía telefónica chamando ao número 902 044 226.
Novas relacionadas
“41 espectáculos reforzan unha edición do FIOT moi “millennial”” — Que pasa na costa
“Lolita trae ao FIOT a súa obra de teatro “Freda”” — Que pasa na costa
“A compañía Ron Lalá estrea no FIOT a súa obra “Crimen y Telón”” — Que pasa na costa
“Este ano o derbi xógase no FIOT27 entre Carlos Blanco e Touriñán” — Que pasa na costa
“O FIOT premia a Manuel Lourenzo co Xograr de Outono 2018” — Que pasa na costa
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- FIOT