O inverno apodérase da #AxendaCostadaMorte
03:15 20/01/17
Chega unha nova fin de semana "típica de inverno"; temperaturas baixas e unha tímida oferta cultural e de ocio. Antes de facer un repaso polas principais citas da #axenda, repasamos o parte costeiro de 4gotas.com.
Hoxe comezan a subir as temperaturas diurno. Lucirá o sol en toda a Costa da Morte e malia que a primeira hora da mañá haberá temperaturas negativas no interior (3-4 no litoral) ao mediodía subirán os termómetros por riba dos 10ºC (12-13 no litoral entre Fisterra e Muros).
Mañá e o domingo seguirán máis ou menos esas temperaturas. O sábado con moito sol - agás algunha nube nos arredores de Malpica - e o domingo con alternancia de nubes e claros en toda a Costa da Morte con máis nubes no litoral entre Muxía e Malpica.
Fin de semana de inverno, pero con moito sol e perfecta para facer actividades ao aire libre nas horas centrais do día.
Exposicións
- A tenda Stoupa (siuada a 100 metros do cemiterio vello de Cee) acolle unha exposición escultórica do ceense Manuel Canosa. Pode visitarse de martes a sábado en horario de 11 a 14 horas e de 17 a 21 horas e os domingos de 11 a 14 horas.
- Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar todos os días da semana en horario de 10:30 a 14 horas e de 16 a 19 horas.
- As Torres do Allo, en Zas, abren todos os venres, sábados e domingos de 11 a 19 horas. Ademais, o pazo acolle unha mostra de pezas de Olería de Buño.
- O faro Vilán acolle ata o 26 de febreiro a exposición “Casa de Luz, grabados” de Mariano Castillo. Pode visitarse en horaio de 11 a 14 e de 16 a 18:3o horas.
- No dolmen de Dombate ofrécense visitas guiadas todos os días de 10:30 a 14 e de 16 a 18:30 horas.
- O físico baiés Jorge Mira ofrece mañá sábado unha conferencia sobre "O Tesouro da Costa da Morte: O último solpor de Europa". Esta charla enmárcase dentro do programa Relaxese, promovido polo concello de Laxe, e terá lugar ás 19 horas no museo do Mar de Laxe.
- O centro cultural de Muros acolle mañá a obra "O Lazariño de Tormes", da compañía de teatro do Morcego. A función comeza ás 21:30 horas.
- En Vimianzo celebran esta fin de semana as festas de san Vicente. Mañá sábado, a verbena estará amenizada pola orquesta La Fórmula, Arturo Grao e Traffic House + vocalistas. E o domingo, despois da misa das 13 horas, haberá sesión vermú amenizada por Alaska.
- Limpeza punta Cagada. Mar de Fábula organiza unha limpeza nos coídos de punta Cagada á que está convocada toda a cidadanía. A saída será ás 11 horas dende a rampa do porto de Santa Mariña.
- Monólogo en Cee. O pub Palacín de Cee acolle este domingo, ás 20 horas, o monólogo de Tito Rober que falará sobre "Vida y milagros del zumo de naranja". A entrada é de balde.
- Redacción QPC ([email protected])