O local triunfa nas aldeas de Carnota

08:25 21/06/13

Doble cita temos esta fin de semana para disfrutar da tradición na súa esencia. Xa falamos do Mercado Ecolóxico de Quilmas, que terá lugar o domingo 23 con obradoiros e debate sobre o xabarín. Pero antes, o sábado, teremos unha cita fantástica en Vadebois, Caldebarcos, Carnota.
Xa o ano pasado estivemos nesta auténtica Romaría dos Muíños de Caldebarcos. Animada polo bo de Domingo, César Cambeiro e familia, a festa ten moito de sendeirismo, gastronomía (co millo como protagonista nas empanadas, nas chulas, nas faragullas…), de copla e regueifa e moita festa. E este ano contan cun invitado especial, Celso Sanmartín, un dos contacontos de referencia de todo o país.
Envíannos o seu programa aproximado, que en ningún caso se vai respectar.
- 09:15 Sae a ruta dos intrépidos do “super Cruces”, Caldebarcos. Unha panorámica de todo o monte, todo o Chan de Carnota, e Mares de Fisterra
- 13:10 Chegada dos intrépidos ós Muíños.
- 13:30 Comida. Podes levar comida, podes comer do que hai e poden comer do teu. Comida con orixe nas muiñadas e toda saída dos muíños.
- 15:00 Benvida ecolóxica para mentes ecoloxicamente virxes (a maioría)
- 15:15 Embestida musical. Esencia de Pedras Miúdas.
- 15:30 Actuación dos Caldebarcos Montunos.
- 15:40 Vaselina musical. Pedras Miúdas en esencia.
- 15:45 Un conto, dous contos, tres contos …
- 15:55 Os contos de Celso San Martín, o contador de Lalín.
- 16:30 Raigames musicais. Pedras Miúdas na raíz.
- 16:45 Actuación dos Caldebarcos Mariños.
- 16: 55 Regueifa. Degustación.
- 17:00 Celso San Martín. Contos para saber quen somos.
- 17:45 Papas de millo molladas en Muiñeira. Estamos buscando a especialista en papas de millo deste ano. A Raíña das Papas de Millo!!!!!
- 18:00 Queimada. Econxuro popular con tránsito a outros mundos.
- 18:30 Seguen os contos e as regueifas para pasar o serán.
Novas relacionadas
- O Mercado Ecolóxico de Quilmas volve con produtos de primeira, obradoiros e debate.
- 2012: Caldebarcos rima nos Muíños unha oda ao millo.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).