xoves. 24.04.2025
El tiempo

O Mes do Libro enche de actividades a Biblioteca de Carballo

O Mes do Libro enche de actividades a Biblioteca de Carballo
Cartel-BiblioCarballo-abril-maio-2015

Non para a Biblioteca Rego da Balsa de Carballo. Dende a súa inauguración empalma un programa con outro e non deixa de acoller boas actividades, sempre de balde ademais. E este mes de abril é o mes do libro (23 de abril, Día do Libro), e maio o da lingua (17 de maio, Día das Letras Galegas), polo que a actividade na biblioteca de Carballo aínda se intensifica máis. Contacontos, obradoiros, concurso, proxeccións, faladoiros, etc… unha marea de cousas que facer, que rematarán coa Semana do Libro e a Lectura que terá lugar no Pazo da Cultura entre o 11 e o 15 de maio, cando a Biblioteca tamén acollerá exposicións de materiais deste programa.

Presentacion do programa na Biblioteca Rego da Balsa

Proxeccións

Deste xeito, igual que ata agora, os segundos e cuartos mércores de mes a Biblioteca ofrecerá proxeccións, e faranse varias delas en colaboración co Fondo Galego de Solidariedade, co ciclo “Cine con fondo”, a través do que se proxectarán, con entrada libre e de balde, as películas para todos os públicos Charlie e a fábrica de chocolate (mércores 8 de abril), Buda explotou por vergoña (mércores 22 de abril) e Azur e Asmar (mércores 27 de maio).
No medio diso, o mércores 13 de maio, na semana das letras galegas, proxectarase un vídeo en que se recollen opinións de persoas diversas de Carballo sobre o uso e prestixio da lingua galega, e no que se aproveitará para presentar unha nova canle de televisión galega, Irmandade Tv. Todas as proxeccións serán ás 19.00 h.

Contacontos

contacontos para público infantil tampouco van faltar, e desenvolveranse de tres formas distintas: uns dentro do programa Ler conta moito da Xunta de Galicia, outros desenvolvidos por persoal da biblioteca e outros por pais e nais de nenos/as usuarios/as. Deste xeito, o mércores 15 de abril, ás 18.00 h, terá lugar a estrea como contacontos na súa vila natal da actriz e teatreira Alba Bermúdez, que traerá á biblioteca Comechíns, un espectáculo infantil para rapazada de 4 ao 10 anos. O xoves 30 de abril, ás 18.00 h, dentro de Nais e pais contan, contarán as usuarias Raquel Varela e Nuria Varela. O sábado 2 de maio, ás 11.30 h, haberá un novo contacontos, #aBiblioConta, a cargo do persoal da biblioteca. O mércores 20 de maio, ás 18.00 h, un espectáculo infantil, Aventuras na cociña, da compañía TrinkeTrinke. E, outra vez o último xoves de mes, o 28 de maio, tamén ás 18.00 h, contarán Noelia Pérez e Ainhoa García.

Volven os faladoiros

Debido á Semana Santa, en abril non houbo o faladoiro previsto para os primeiros xoves de mes, pero en maio si o haberá, e será a cargo do catedrático de Física da Universidade de Santiago, o baiés Jorge Mira, que, no mes das letras galegas falará, desde un punto de vista científico e didáctico, sobre o futuro da lingua galega. Será o xoves 7 de maio ás 19.00 h, con entrada libre e de balde, e co título “Desde o corazón do futuro da lingua”.

Obradoiros

E o programa da biblioteca en abril e maio inclúe tamén obradoiros e un concurso. Así, o sábado 18 de abril terá lugar O cadáver exquisito, un obradoiro para a elaboración dun microrrelato colectivo. Do 20 ao 26 de abril terá lugar o concurso nas redes sociais #ABiblioPréstame, para a visibilización dos libros, coincidindo coa semana do Día do Libro. E o propio día, o 23 de abril, haberá tamén un obradoiro de marcapáxinas.

E debates

Ademais, a Biblioteca Rego da Balsa é un espazo posto ao servizo da cidadanía e das entidadessociais para desenvolveren nela as súas actividades. Deste xeito, a Fundación Galiza Sempre desenvolverá unha mesa de debate sobre lingua e cultura, na que participarán Marcos Maceira (presidente da Mesa) e Marta Dacosta (poeta e directiva a AELG), e que será moderada por Nel Vidal. Será o martes 28 de abril ás 19.00 h. E dous días despois, o xoves 30, Basket Xiria presentará ás 19.00 h o III Día do Pequebasket galego.

Semana completa para Aloumiños

E aproveitamos para achegar tamén as actividades da Asociación Aloumiños que arrinca este mércores coa esperadísima conferencia do Profesor Ángel Carracedo sobre as “Enfermedades Raras”, ás 19:30h no Pazo da Cultura. Ademais, o venres falarase de “Etioloxía, diagnóstico e tratamento do TDAH”, cunha charla impartida por Alberto Veleiro Vidal (Orientador do CEIP Sofía Casanova), ás 19:30 h. no Forum Carballo.

E lembran que o sábado 11 participarán na Carreira nocturna solidaria De 2 en 2.

Novas relacionadas

Fonte

  • Servizo de Normalización do Concello de Carballo.

Comentarios