Venres. 26.04.2024
El tiempo

O san Xoán enche de festa a #AxendaCostadaMorte

O san Xoán enche de festa a #AxendaCostadaMorte
Axenda-Costa-da-Morte-23xuno2016 san xoan Chega unha das noites máis máxicas do ano, a do san Xoán, celebráse por todo o alto na Costa da Morte. A música a ritmo de disco móbiles e o churrasco foron mudando aquela vella tradición de xuntar aos veciños e veciñas do lugar ao redor dunha cachela acompañados de sardiñas, broa e viño. Ademais, coincidindo coa ponte festiva, este ano a troula prolóngase durante toda a fin de semana. Antes de facer un repaso polas citas máis importantes deste san Xoán dámoslle un vistazo ao particular parte costeiro de 4gotas.com. O anticiclón destes días, afástase xusto para o san Xoán. Non se notará por igual en todos os puntos da Costa da Morte e ademais axiña volverá outro anticiclón. Mais entre Muxía e Malpica e posiblemente tamén en puntos do interior como Vimianzo, Zas, Cabana, Santa Comba e mesmo Carballo hai que falar de orballos na noite e madrugada de san Xoán. Nos outros puntos da bisbarra non se esperan os orballos e as temperaturas rondarán os 16-18 graos durante a Noite Meiga. Toda a información sobre o tempo desta noite aquí. Mañá vernes axiña se recuperará a influencia anticiclónica e xa no mediodía lucirá o sol en toda a Costa da Morte. Na noite achegaranse néboas ao litoral norte e tamén no interior, pero xa se disiparán na mañá do sábado e gozaremos doutro día solleiro. Unha vez máis na tardiña do sábado haberá nubes entre Muxía e Malpica pero volverán a desfacerse na mañá do domingo por mor do nordés, que soplará con intensidade en toda a bisbarra toda a fin de semana. As temperaturas baixarán hoxe e durante a fin de semana volverán a subir un chisco, aínda que se quedarán máis baixas cas do martes e mércores. Malia iso, buscando unha praia protexida do norte-nordés poderemos gozar da fin de semana nos arenais...
  • Carballo vive os seus días grandes coas festas do san Xoán. As celebracións arrancaron onte coa lectura do pregón a cargo de Edelmira Rodriguez Carracedo. Ademais dos actos litúrxicos, un dos principais tractivos son as citas musicais de primeiro nivel. Esta noite actúa a orquesta Trébol. Un dos concertos máis esperados será o de mañá e do que se encargará o cantante Carlos Baute. Xusto despois da súa actuación, a música continúa coa orquesta Los Trovadores. Israel encargarase de amenizar a verbena do sábado. E o domingo chegará o fin de feta con La Fórmula e cun gran espectáculo pirotécnico.
  • O Lumarea volve hoxe á praia Area da Vila de Camariñas. Os máis pequenos xa poderán desfrutar do seu san Xoán dende as 17 horas. O forte da festa comeza a partir das 20 horas coa sardiñada que lle dará paso ao actuación do Combo Dominicano.
  • En Cerqueda terán sesión dobre de festa esta fin de semana. Hoxe celebrarán as cachelas cunha cea na nova Carballeira, prantada polos propios veciños. E o sábado celebrarán a oitava Fest'Arxa cunha xurelada e churrascada no campo da festa da vila. Ademáis haberá música, baile, inchables,....
  • Non faltarán as sardiñas e unha boa cachela na noite de hoxe en Santa Comba que ademais estará amenizada con actuacións en directo. Tamén haberá queimada.
  • En Traba (Laxe) comezan hoxe as festas do Sacramento cunha churrascada e verbena a partir das nove da noite. Mañá sigue a troula durante a sesión vermú e a verbena.
  • Tamén en Sardiñeiro (Fisterra) comezan hoxe as festas do san Xoán Bautista que durarán ata o domingo. Unha sardiñada, pasarrúas, misas e música a ritmo de orquesta serán os principiais atractivos.
  • En Bazar (Santa Comba) farán mañá a 1ª festa da Cervexa amenizada polo dúo Charada e a disco móbil Impacto. Xa o sábado honrarán a san Antonio cunha misa solemne e sesión vermú a cargo de Nueva Fuerza que tamén estará na verbena acompañada da disco móbil Chocolate.
  • En Mazaricos tamén vivirán unha completa fin de semana co gallo do san Xoán. Hoxe toca sesión de cachelas polos distintos lugares do muncipio, que tomou o día como festivo local. O día de mañá será de traca xa que comeza a festa a golpe de pasarrúas e sesión vermú. Pola tarde-noite, toca deporte III Gala do Fútbol da Costa-QPC, que xuntará aos mellores do curso na casa da Cultura. E a sesión poderase completar coa verbena da man de Trova Musical e Trío Beiramar. O sábado 25 haberá moitas máis cousas, comezando ás 12 horas coa concentración de coches clásicos, da man da Asociación Club de Galicia, que deixarán aparcados os seus tesouros de catro rodas na avenida 13 de abril da Picota para o deleite dos visitantes ata as 16  horas. A visita poderá alternarse cun pasodoble na sesión vermú sabatina coa Orquesta Versalles, que repetira pola noite do Grupo Midas na verbena de peche de festa.
  • O restaurante Peppone de Fisterra acolle mañá venres, 24 de xuño, a partir das 20 horas o concerto de Inversos  (SusoBahamonde&Johnny Somerville).
  • O sábado e o domingo, a parroquia de Nantón (Cabana de Bergantiños) honra a san Pedro. A música chegará da man da orquesta Ciclón e de CDC disco móbil (sábado) e do dúo Calú durante a sesión vermu do domingo.
  • Os veciños e veciñas de Baio celebrarán o domingo, 26 de xuño, a súa esperada festa da Carballeira. A partir da unha da tarde repartiranse sardiñas, broa e viño e tras a actuación dos gaiteiros actuará o dúo De Festa. A sobremesa estará amenizada polas charangas N.B.A. e Escándalo que darán paso a unha foliada con Do Fondo do Peto a partir das 20 horas. E xa entrada a noite volverá a música co dúo De Festa. A asociación cultural Adro é a encargada de organizar esta festa de merendas.
Novas relacionadas San Xoán de Carballo Fonte

Comentarios