O teatro, a música e a gastronomía enchen a #AxendaCostadaMorte

07:15 11/11/16

- En Lariño (Carnota) celebran esta fin de semana as festas de san Martiño. Os actos comezan hoxe cun pasarrúas e con misas. Mañá, o día grande, os actos relixiosos misturaranse coa música que correrá a cargo das orquestas Garibaldi, Pontevedra e Metrópolis.
- San Martiño tamén será honrado hoxe e mañá en Vilaseco (Vimianzo). Hoxe haberá misas e un grupo de gaitas e mañá a sesión vermú correrá a cargo de América S.L. que compartirá escenario á noite con Ciclón.
- Esta fin de semana continúan en Santa Comba as II xornadas micolóxicas “Terras do Xallas” que se prolongarán ata o día 20. Mañá impartiránse varios obradoiros sobra a micoloxía no edificio Multiusos de Santa Comba e o domingo farase unha visita aos montes xalleiros para a recollida de exemplares.
- En Fisterra tamén acollen esta fin de semana as xornadas micolóxicas na Fin da Terra. As actividades comezan mañá ás 10 horas cunha saída ao monte para recoller cogomelos e continúan o domingo coa exposición e estudo dos mesmos. Haberá degustación de cogomelos no mercado municipal.
- Esta noite conitúa en Malpica a XII Mostra de Teatro. Redrum Teatro traerá a súa obra "Noiteboa" ao centro cívico da vila a partir das 20:30 horas. Esta obra obtivo o premio María Casares 2016 á Mellor Actriz Protagonista e nominacións a Mellor Director e Mellor Texto Orixinal.
- Hoxe arrancan en Santa Comba o II ciclo de teatro. A compañía teatro Galileo será a encargada de abrir a mostra coa adaptación de “Cyrano”. Mañá, a biblioteca municipal acolle ás 11 da mañá a obra “Cervantes Vs Shakespeare” a cargo da compañía Trastenda dos Contos.
- Redrum Teatro leva mañá sábado a súa obra "Noiteboa" á XXIII edición do ciclo de teatro de Ponteceso. A representación comeza ás 22:30 horas no edificio das Escolas.
- O audiotorio da casa da Cultura de Vimianzo acolle este sábado os monólogos do polifacético Isi e de Celso Fernández Sanmartín que farán pasar un anaco divertido co seu espectáculo "Dous son parella e o demais son calumnias". A función comeza ás 21:30 horas e o custe da entrada é de 2,5€ (1,25€ a reducida).
- A compañía Talía trae mañá a Muxía a súa obra "Foucellas". O espectáculo protagonizado por Toño Casais, Dani Trillo, María Ordóñez e Artur Trillo comeza ás 21 horas no salón do Voluntariado.
- Este domingo remata a X mostra de Outono de Teatro de Laxe coa obra "Intimidades" da escola de teatro da vila. Este espectáculo, dirixido a todos os públicos, comeza ás 19 horas no salón de actos municipal.
- Cances celebra hoxe o XI festival Pop-Rock "Live in Cances" organizado pola A.C. San Campio. Os concertos arrancan as 22 horas cos grupos "Strobos", "The Killer Cats" e "New Orleans Trío".
- Esta fin de semana arranca en Carballo o programa musical do mes de novembro. As 21 horas de mañá, o pazo da Cultura de Carballo acolle o concerto de música tradicional "Sons de Aquí" e o domingo continúa pola tarde co espectáculo familiar (ás 18 horas) "Canta o Cuco" de Magín Blanco e Uxía que lle cantana Manuel María.
- O sábado continúa o programa Novembro. Mes da Música posta en marcha polo concello de Cee co concerto Black, un paseo pola música negra. O custe da entrada xeral é de 2,5€ e a bonificada é de 1,5€.
- O grupo Huella traerá mañá ao Celme Café de Vimianzo (a partir das 23:59 horas) o mellor pop rock en español de todolos tempos.
- A casa da Pedra de Camariñas acolle este domingo o IV encontro de Corais que comeza ás 20 horas. Participarán a coral Lembranzas da Terra de Valdoviño, a coral polifónica de Cariño e o coro de mulleres de Camariñas.
- O 5º Outono en Marcha de Senda Nova continúa este domingo co roteiro "Vía Alcaianus" que discorre entre Carballo e Coristanco. A ruta, de 19 quilómetros de distancia e de dificultade media, arranca ás 8:15 horas da rúa Venezuela de Carballo.
- Ruta nocturna para ver a SuperLúa dende Ponteceso. Abellariza organiza para o domingo esta singular saída nocturna ata o Mirador de Montebranco, con Jorge Mira, para ver este suceso que non se repetirá ata 2034.
- O faro Vilán acolle ata o 23 de decembro unha exposición de pintura da pintora local María Dolores Barcia. O horario de visita é de 11 a 14 horas e de 15:30 a 2o horas.
- A tenda turística Stoupa de Cee acolle durante este mes unha peculiar exposición de pezas de cartón pedra creadas por Carmen Armendáriz e Quico Guillán, do taller carnotán “Charamusca”. A exposición pode visitarse durante todo o mes en Stoupa (situada na rúa Campo do Sacramento, 23, Cee) de martes a sábado de 11 a 14 horas e de 17 a 21 horas. Tamén os domingos de 11 a 14 horas.
- Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar todos os días da semana en horario de 10:30 a 14 horas e de 16 a 19 horas.
- As Torres do Allo, en Zas, poderanse visitar os venres, sábados e domingos de 11 a 19 horas.
- Con motivo do 130 aniversario de Queixumes dos Pinos, a Fundación Eduardo Pondal fará un acto especial este sábado.
- Os restaurantes de Vimianzo continúan promocionando os protuctos deste tempo coprograma Vimianzo Gastronómico . Son varios os establecementos os que que ofrecen un menú específico a un prezo reducido.
- Os adolescentes de Vimianzo teñen esta noite outra cita co Noiteando. Nesta ocasión para participar na actividade "Clown e achegamento ás artes circenses".
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com).