Os libros toman a Praza de Carballo


A verdade é que temos que traer esta proposta dende Carballo, pois o mellor da literatura e da música galega, estará do 22 ao 25 de agosto na Praza dos Libros de Carballo. E tralas doces resacas da Feira do Libro de Cee e da Praza dos Libros de Muxía, a literatura e a poesía segue sendo protagonista na zona.
Xa nolo explican dende o Concello: "As/os nenas/os non terán como aburrirse. A música, cun protagonismo especial. O mellor das letras estará presente. Pan, verdura, patacas, lingua..., produtos imprescindibles. Venda e exposición de libros con librarías da comarca e do país".
Completísmo o Programa desta Praza dos libros de Carballo 2013 que se desenvolverá no Xardín Municipal, coa presencia de grandes das letras como Manolo Rivas ou Neira Vilas, e da música, con Uxía, Mercedes Peón ou Najla Shami, que farán de Carballo a capital cultural do país por uns días.
Ademais, nesa liña de mesturar letras e verduras, os libros convivirán o xoves 22 e o domingo 25 coa feira tradicional de produtos da terra. E por se fora pouco, o domingo pola mañá, todas as persoas que merquen un libro serán agasalladas cun Pan de Carballo.
A inauguración desta nova edición da Praza dos Libros de Carballo terá lugar o xoves 22 ás 13.00 h, e a pregoeira encargada de abrila será a escritora e comunicadora María Canosa.

Para os pequenos
Un dos puntos fortes desta feira das letras sempre é a participación infantil. Así, as nenas e os nenos contarán con múltiples actividades, como os contos e a animación da Ciclobiblioteca (xoves e domingo pola mañá), espectáculos de historias e música de compañías como Migallas Teatro (xoves 22 ás 18.30 h), Fantoches Baj (venres 23 ás 19.00 h) ou Larraitz (sábado 24 ás 18.30 h), ou presentacións, como O rei portador e outras historias, de Beatriz Fraga (sábado 24 ás 12.30 h), ou Rosalía pequeniña (domingo 25 ás 20.00 h).
A música, cun protagonismo especial
E a música tamén ten un papel protagonista nesta feira... Por exemplo, o xoves á tardiña (20.30 h), a cantante galego-palestina Najla Shami e a súa banda farán un concerto para presentar o seu disco Na lingua que eu falo, acabado de saír do forno e baseado en poemas de Rosalía de Castro. O venres haberá pola noite (22.00 h) un concerto de Mercedes Peón, que xa pola tarde (19.30 h) asinará exemplares do seu último disco, Sós. E o domingo á tardiña (20.00 h), como peche da feira, terá lugar o concerto para todos os públicos Rosalía Pequeniña, no que Uxía presenta o seu novo traballo, co que colaboran varias persoas de Carballo, que tamén participarán no concerto.
As letras
E o programa tamén estará repleto de presentacións, recitais, sinaturas, etc. Por exemplo, o venres 23 (20.30 h) terá lugar un recital de presentación do poemario colectivo Versus Cianuro, un libro de poemas contra a mina de Corcoesto no que participan 75 poetas. No recital intervirán creadores e creadoras como Paco Souto, Roberto Roget, Rosalía Fernández Rial, Paco de Tano, etc. O sábado 24 (19.30 h), terá lugar a presentación do libro Viaxe polo corazón de Bergantiños, de Xosé Pumar Gándara. O mesmo sábado (20.30 h) haberá un recital-concerto poético do grupo Versus, que presentará a súa obra colectiva do mesmo nome, Versus.
E o domingo achegaranse a Carballo dous dos nomes máis relevantes, máis recoñecidos, máis traducidos e de maior proxección das nosas letras. Pola mañá será Manuel Rivas quen asinará exemplares do seu último libro, As voces baixas. E, pola tarde, Xosé Neira Vilas presentará os seus dous últimos libros: Aquel neno e Cancela Aberta.
7 postos
Na Praza dos Libros terán presenza sete librarías, que traerán a creatividade galega para que quen queira tamén a poida levar para a súa casa: Brañas, Trasgo e Ler (de Carballo), Roget (de Vimianzo), Pedreira (de Santiago), Á lus do Candil (de Arteixo) e A Tenda dos Libros (de Ponteceso). O horario de apertura é de 11.00 h a 14.00 h polas mañás e de 17.30 h a 21.30 h polas tardes.
Novas relacionadas
- O Solpor Poético de Laxe dará a coñecer o gañador do Certame de Poesía Antón Zapata.
- Comezou en Cee unha feira do libro con sabor a Batallón.
- O Batallón Literario da Costa da Morte revive na rede.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).