Venres. 29.03.2024
El tiempo

Pesar en Coristanco polo pasamento de Asunción Antelo

Pesar en Coristanco polo pasamento de Asunción Antelo
Escolares visitando a Asuncion Antelo Un grupo de escolares de Ponteceso visitando a Asunción Antelo

O pasamento de Asunción Antelo está xerando unha gran conmoción en Coristanco. Así, o alcalde de Coristanco, Amancio Lavandeira, e a concelleira de Cultura, Laura Mariño, en nome do Concello de Coristanco, manifestan o seu fondo pesar polo falecemento dunha das súas máis queridas veciñas.

Como ela ben dicía, Asunción naceu antes de tempo e acadou, a base de autodidactismo e superación, un nivel de coñecemento artístico e cultural impensable para unha muller labrega criada na dura posguerra nunha pequena aldea galega. O xenio artístico corría polas súas veas e nin as duras xornadas de traballo no campo e no fogar, nin as miserias propias da época, impediron que Asunción, amosando un espírito de sacrificio digno de admirar, acabase por materializar toda esa arte, a través dos seus versos e das súas esculturas.

Os recoñecementos á súa figura e á súa arte tardaron en chegar, demasiado, mais nos últimos anos Asunción soubo da admiración, do respecto e do cariño do pobo bergantiñá, a través de actos e homenaxes organizados por diferentes entidades e asociacións e das múltiples visitas que recibía en Segufe.

Asunción déixanos un importante legado cultural: dous libros impresos (Páxinas da Rexubeira de Bergantiños e As penurias dun amor), ducias de esculturas en pedra, barro e madeira depositadas no seu museo de Segufe, que con tanto esforzo e dedicación conseguiu abrir e manter e, sobre todo, quedará por sempre no recordo a súa imaxe de persoa afable humilde e tremendamente humana.

Non poidemos evitar que a súa voz se apagara, agora toca seguir traballando para que o seu recordo e a súa obra non se esqueza e Asunción sexa eterna a través da súa arte.

Grazas Asunción, por todo o que nos deches en vida, e por todo o que deixas. Ti só querías deixar un recordo do teu paso polo mundo, e abofé que o conseguiches.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios