Xoves. 03.12.2020
El tiempo

Romanos en Santa Comba?

Romanos en Santa Comba?
Estela romana gravada atopada en Cicere-Foto-Elixio Vieites Estela romana gravada atopada en Cicere-Foto-Elixio Vieites

Interesante a descuberta que vén de facer Elixio Vieites en historiadeGalicia.gal. Vieites reparou en que o Museo do Pobo Galego conta cunha peza singular que nos leva ata as terras do Xallas. Trátase dunha estela gravada adicada a Quintus Lulius Aquinus, un soldado romano que pertencía á que fora unha das máis poderosas maquinarias de guerra romana, a Lexión X Gemina.

Unha estela descuberta en 2005 durante uns movementos de terra por labores agrícolas realizados no lugar de Mallón, na marxe esqueda do río García, afluente do Xallas, ao norte do Castro Laberco, na parroquia de Cícere, no Concello de Santa Comba.

A transcrición da estela, atendendo ao traballo de Lino Gorgoso López e Fernando Castroviejo (2006) sería: “Quintus Iulius Aquinus, soldado da lexión X (Gemina), de XX? anos, e Tiberia Claudia Urbana, de XXXV anos, aquí están enterrados. Titulus Iulius Florus Veterano.”

Vieites conta que “a Lexión X veu a Hispania con Augusto a loitar nas guerras cántabras (29 a.C. 19 a.C)” participando na fundación de Emérita Augusta (Mérida) e Asturica Augusta (Astorga). De aí que sexa curioso o achádego en terras xalleiras.

”En que misión e lugares estaría o veterano de Santa Comba e quen sería o soldado do seu mesmo “nomen” Iulius?, quizais o seu fillo Quintius, enterrado coa súa dona Tiberia Claudia Urbana de 35 anos na mesma tumba? Pertencerían os dous militares á mesma unidade bélica?Tería algo que ver a súa presenza polas terras de Xallas co campamento romano de Cornado en Negreira recentemente descuberto e a uns 8 km. en liña recta de Mallón, lugar onde a estela foi atopada?”, pregúntase Vieites en historiadeGalicia.gal, deixando caer que a proximidade da ponte de Brandomil e a hipotética mansión de Grandimrum a carón do Xallas o levase por aí.

Unha parroquia, a de Cícere, de gran valor histórico, onde xa se atopou o chamado “Tesouro de Cícere”, un conxunto de pezas de ouro da época do Bronce I, expostas no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón da Coruña. Vieites recoñece que os Concello de Santa Comba e Zas, así como os de Negreira e A Baña, son lugares destacados en canto a aparicións da época romana.

Novas relacionadas

Fonte

comentarios