Luns. 29.04.2024
El tiempo
que pasa na costa

A subdelegada do Goberno visita a Biblioteca Rego da Balsa despois de que acadase o seu cuarto premio María Moliner

María Rivas percorreu as instalacións acompañada polo alcalde e as concelleiras de Bibliotecas e Cultura
A subdelegada do Goberno visita a Biblioteca Rego da Balsa despois de que acadase o seu cuarto premio María Moliner

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, achegouse onte xoves ata a Biblioteca Rego da Balsa de Carballo para expresar a súa felicitación pola consecución do seu cuarto premio estatal María Moliner, convocado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte para distinguir os proxectos de animación á lectura que se desenvolven en municipios de menos de 50.000 habitantes.

A biblioteca presentouse ao concurso co proxecto Libros de Carballo, que recompila as case 150 actividades desenvolvidas no último ano para a promoción da lectura entre todos os sectores da sociedade. María Rivas realizou un completo percorrido polas instalacións da biblioteca acompañada polo alcalde, Evencio Ferrero, e polas concelleiras de Bibliotecas, Ángeles Pacoret, e Cultura, Maruxa Suárez. A directora da biblioteca, Ana Asensio, exerceu como guía e detallou tanto a filosofía coma as actividades que se promoven desde esta instalación municipal.

A Biblioteca Rego da Balsa programa actividades para públicos de todas as idades, colabora con centros educativos e entidades locais, promociona aos artistas e intelectuais da contorna e desenvolve unha intensa comunicación coa sociedade por medio de diferentes canles, entre eles as redes sociais, nas que ten unha presenza moi destacada.

Despois dos galardóns acadados nos anos 2016, 2017 e 2018, este cuarto María Moliner, dotado con 2.772,22 euros, avala o traballo que se vén desenvolvendo a Biblioteca Rego da Balsa nos case nove anos que leva aberta ao público. A concelleira de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, amosou a satisfacción polo premio e felicitou ao seu antecesor, Marcos Trigo, por deixar tan alto o listón. Das 360 bibliotecas premiadas en toda España só figuran cinco da provincia da Coruña, e unha delas é a de Carballo.

Comentarios