Traski envía unha carta de unión e eficiencia ao sector turístico da Costa da Morte
Conseguir xuntar máis de 400 persoas na Costa da Morte non se consegue nun par de días. E menos para andar. I é que unha das propostas turísticas máis exitosas dos últimos anos naceu da sociedade civil, e sen gastar un peso.
Coa de millóns que se levan investidos na zona sen unha directa repercusión, co sector dividido en varias entidades e coa Xunta de costas... consideramos necesario escoitar as verbas de Traski, ese trasno que dende o anonimato trata de unificar, e facer traballar, en serio, ao sector do turismo na Costa da Morte. Esta é a súa carta, e entre as cousas máis importantes, solicitan a creación dunha auditoría dos gastos realizados no turismo nos últimos 20 anos. E ollo, que tamén trae puntualizacións abaixo:
Carta aberta a toda a sociedade e membros do turismo da Costa da Morte
O proxecto O Camiño dos Faros sae do interior da sociedade, das mentes dunhas persoas que, cansadas de ver a cantidade tremenda de cartos malgastados nos últimos 20 anos no turismo da Costa da Morte en proxectos de moi dubidosa eficiencia e orzamento, decidimos facer algo que realmente mostre á xente a beleza real desta terra, unindo literalmente Malpica con Fisterra polo bordo do mar.
E empezámolo a facer con moitísimo traballo e ilusión, sen ningún medio nin ningunha axuda e sen ningún afán de facernos ricos nin gañar diñeiro por iso. Facémolo por amor incondicional á Costa da Morte, porque cremos realmente no proxecto, esta ruta única que seguramente é das mellores de España.
Aos poucos e con esa premisa de unir todo polo bordo do mar fomos abrindo este camiño. Durante este tempo, ningún dos "entes turísticos" da zona puxéronse en contacto connosco. Veu moitísima xente de Galicia e de fóra dela, saímos nos máis importantes medios nacionais, pero ningún dos que se lle enche a boca co seu amor a esta terra se puxo en contacto... Por que?
Agora dirán que esa ruta xa existía e palabrería barata, nós sabemos que non. Houbo intentos anteriores pero todos están publicados e, como podedes comprobar, non ten nada que ver con O Camiño dos Faros. Son rutas por estradas, as típicas que van totalmente de costas ao mar.
O que realmente pensamos é que, o que debe facer Neria e o resto de entes é facer unha auditoria seria de todos os proxectos realizados nos últimos 20 anos. Que se recibiu, que se fixo, quen o fixo, como se fixo, a onde foron parar eses cartos... iso si que sería interesante para que a sociedade crea neles e non volvan tropezar na mesma pedra. Por que non se fai?
Haberá a xente que poidan enganar, pero aos trasnos non. Nós imos seguir co noso e alá cada un coa súa conciencia. Os que fixestes O Camiño dos Faros sabedes de que vos estamos falando.
Nós non imos entrar en ningún tipo de guerra polo manexo dos cartos públicos, que cremos moi necesario nestes momentos para outras moitas cousas.
O único que lle pedimos a estes entes é que non intenten apropiarse dun traballo realizado pola sociedade sen axudas. Que si realmente queren á Costa da Morte e non a si mesmos, que apoien este proxecto que está funcionando sen eles e sen subvencións de ningún tipo.
Creemos que polo menos merecemos un voto de confianza polo realizado. NON QUEREMOS DIÑEIRO NIN SUBVENCIÓNS, pero si un respecto á xente desta Costa da Morte.
Esperta do teu sono Costa da Morte!
Puntualizacións á nosa carta de onte
A Asociación Camiño dos Faros non se arrepinte de nada do escrito onte, unicamente queriamos defender a ruta deseñada e traballada polos trasnos que criamos ninguneada na reunión de Neria.
Pero non era un reproche só para eles, estabamos falando de TODOS OS ENTES TURISTICOS da Costa da Morte.
Aínda que si vos vou a contar un segredo, todos eles foron unha fonte inspiración para que exista este Camiño dous Faros. Cando estabamos facendo a viaxe de descubrimento, unha das cousas que nos empuxou a contalo foi a gran cantidade de carteis con investimentos millonarias que nos iamos atopando polo camiño. Centos de miles de euros en facer prácticamente nada, cando o realmente importante estaba alí, era único, renovábase diariamente e era gratis.
Pola nosa banda damos por resolto o tema. E, aínda que non o pareza, non queriamos meternos con ninguén, só defender o noso proxecto. Os trasnos necesitámosvos a todos, Neria e Consorcio incluídos. Toda a Costa dá Morte é necesaria para consolidar O Camiño dos Faros.
Un camiño que, non vos esquezades, non é dos trasnos, é de todos vós.
- Traski Costa da Morte.
Novas relacionadas
- Os trasnos rompen marcas na terceira edición do Camiño dos Faros.
- Os trasnos crean a Asociación Camiño dos Faros.
- A Costa da Morte segue lonxe dos primeiros destinos de Galicia.
- A FITUR coñece unha ducia de Costas da Morte.
- Presentado o ente turístico que xestionará o xeodestino Costa da Morte.
- Costa da Morte, unha das zonas máis virxes de España.
Máis información
- guiacostadamorte.blogspot.com: O Camiño dos Faros.
- O Camiño dos Faros no Facebook.
- Recunchos da Costa.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).