sábado. 10.05.2025
El tiempo

Tremenda a Axenda para este comezo de xuño

Tremenda a Axenda para este comezo de xuño
Pincha na imaxe para ver a axenda debullada deste comezo do mes de xuño

Chega xuño e con el o verán… ou non… Bueno, parece que o domingo teremos algo de sol pero venres e sábado o señor Meteogalicia danos ovofrito. En todo caso, teremos ducias de cousas que facer, dentro ou fóra, de festexar, degustar, ou aprender… Un pouco de todo, dende citas gastronómicas, xornadas culturais, sesións reivindicativas, festas, concertos, rutas de sendeirismo, teatro… Comezamos xuño sen parada.

E temos que abrir cunha das citas máis importantes do ano, arqueoloxicamente falando. As Xornadas De Castros a Castelos traen a Carnota durante o sábado e o domingo ducias de expertos que nos levarán de viaxe pola historia da nosa bisbarra. Un auténtico luxo.

E de arqueoloxía pasamos á loita social, pois toca unha fin de semana marcada pola loita contra a mina. O venres teremos a posibilidade de disfrutar dun festival de música en Carballo, con Sés e o Leo, Quempallou, Zenzar e NOM, aí é nada. Ademais, para o sábado teremos xornada lúdica Enarborar o bosque, que encherá a Carballeira de Santa Mariña, en Corcoesto, de cultura contra a mina.

Relaxamos os ánimos e pasamos a citas gastronómicas, das nosas favoritas. En Fisterra xa comezan o venres co Mercado Mariñeiro, mentres que na Torre do Faro de Brantuas disfrutarán o sábado da Festa do Raxo de Ponteceso. E atentos por Vimianzo que continúan cos Menús Gastronómicos.
Ademais, o sábado teremos a Feira de Produtos Locais de Carnota e o domingo o Mercado Ecolóxico de Quilmas.

Xa en clave máis festeira, os amantes do Asalto non poderán faltar o sábado á Gala-Casting. Mentres, o venres celébrase a inauguración do OviovaR no Ézaro.
Tamén o venres poderemos ver un filme árabe en Corcubión no marco do Festival AMAL ou disfrutar da maxia do Mago Teto en Cee.

O sábado comeza coa fermosa Xornada de Inclusión de Íntegro, e ao mediodía xa comezan as orquestras a tomar protagonismo para amenizar a sesión vermú nas Festas do Anxo da Garda de Coiro e mais nas Festas do Corpus de Muxía, as Festas do Corpus de Brens e mais as Festas do Corpus de Baíñas.
E unha proposta motorizada, como é a Festa da Escudería Club Motor Muros.

Tamén teremos citas culturais co Festival de teatro escolar Teatrapa de Laxe, toda a fin de semana, ou coa Xuntanza Folk de Cabana. E tamén a doble cita vimiancesa, coa Escola de Danza Local o sábado e a Escola de Teatro de Pasarela o domingo, abrindo xuño, "o mes do noso".

O domingo tamén poderedes percorres o litoral de Cerqueda na ruta de sendeirismo que artella Senda Nova.


Máis información

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios