Venres. 19.04.2024
El tiempo

Un artista carballés, na feira World Art Dubai

Un artista carballés, na feira World Art Dubai
A obra do Gravador Manuel Facal en Dubai

Xa temos gravado con el, pero este home mira moi alto. A obra do grabador carballés Manuel Facal (1943) pode verse desde onte e ata o vindeiro sábado 11 de abril na feira World Art Dubai. Esta cita, na que participan máis de 25 países, converte durante estes días ao país árabe na capital de arte da rexión de MENASA (Oriente Medio, norte de África e sureste asiático).

O recoñecido artista plástico bergantiñán está presente nesta feira artística internacional con catro obras de técnica mixta sobre lenzo. Todas son pezas representativas da súa creación máis recente. Nelas predomina o emprego de cordo e rafias cosidas, realizadas cun traballo de natureza artesanal.

Pero non para aí, pois despois desta visita aos Emiratos Árabes, Manuel Facal volverá a Dubai o próximo mes de novembro cunha exposición individual das súas obras. Será na galería de arte Artissima.

Sobre o autor

Cun gran espírito investigador, sempre na máis estrita vanguardia, o percorrido creativo de Manuel Facal afástase da liña recta, ata en materia de expresión, pois cultivou diversos campos artísticos nos que destaca, sobre todo, como gravador.

Manuel Facal formou parte do movemento “Atlántica”, que nos anos 80 do século pasado proxecta a súa persoal visión da arte, que deriva cara a modos “pobres” e “collage” de considerable relevo.

As súas exposicións de pintura e gravado, tanto individuais como colectivas, sucedéronse por todo o mundo: Nova York, Londres, Porto Rico, Noruega, Sudamérica e Galicia. Ademais, a súa obra está representada en museos da súa comunidade natal, Latinoamérica, Estados Unidos, España, países escandinavos e Portugal.

Novas relacionadas

Máis información

Fonte

Comentarios