Unha #Axenda con SOL para a segunda fin de semana de Entroido na Costa
Apareceu o sol para esta segunda semana de marzo, para podermos disfrutar da segunda tanda de Entroido na Costa da Morte, coincidindo ademais co Día da Muller e outras actividades gastronómicas e musiqueiras. I é que tras tanto tempo baixo as nubes, ata os compañeiros de 4gotas.com traénnos un parte meteorolóxico espectacular que nos invitan a titulalo "SOL":O venres con vento do norte, de Malpica a Muxía aínda quedarán algunhas néboas preto do mar pero só na madrugada e nas primeiras horas. No resto sol todo o día. E máximas nos 17-18ºC de Fisterra cara o sur e uns 15-16 no norte.
Na finde rolará o vento ao sur aínda que frouxo. Unha borrasca pretende empuxar ao anticiclón, pero non o conseguirá, xa que axiña chegará outro centro de altas presións para a vindeira semana. Eses ventos do sur, provocarán que suban as temperaturas no norte da Costa acadando máximas duns 18ºC en todo o litoral e uns 20 en vales situados un pouco cara ao interior.
Ao fin os de 4gotas.com damos boas novas. Fin de semana perfecto para gozar da Costa da Morte!!
Vai de Enterros
A tradición dos Enterros de Entroidos na Costa da Morte vai crecendo. Esta semana tivo lugar o Enterro de Don Farruco, en Muros, e esta fin de semana teremos que ir ata Buño, Malpica, Seaia, Camariñas, Coristanco, Cee e Laxe para seguir disfrutando desta segunda tanda de entroido.
Probablemente sexa a Mikaela de Buño a persoeira máis representativa do potencial festexeiro costeiro, e poderédelo comprobar na tarde do sábado.
Pero arrincamos mellor polo venres, e o facemos co Enterro do Cayetano de Laxe. Unha cita que leva medrando nos últimos anos, na que as viuditas, as cornetas e a queima preceden a unha gran festa.
Para o venres haberá tamén unha Charla sobre naufraxios en Fisterra, un Concerto de power folk catalá na Ventana de Laxe ou un Concerto rock en Carballo. Hai ademais unha fermosa exposición de pintura na capital carballesa.
Xa o sábado 8 de marzo, ademais do gran via Crucis de bares da Mikaela, arrincancaremos en Cee en clave de reivindicación polo Día da Muller, cunha Concentración ca Buserana polos dereitos da Muller. Unha actividade que continuará pola tarde cun Faladoiro.
Temos tamén aberta Feira de Oportunidades de Carballo, para aproveitar e facer compras.
Xa ao mediodía do sábado comezan as citas gastronómicas, como a da Ruta dos Pinchos de Entroido en Muxía (rematan o domingo), que se complementará co simbólico Enterro do Percebe, con procesión e todo.
Por Mazaricos cambian entroido por xantar, e disfrutarán da XVI Festa do Bolo do Pote.
A nós tócanos este ano ir ao Sábado de Piñata no Entroido de Cee para participar de xurado no Concurso de Comparsas, nada menos que con 9 comparsas participantes. Pero tamén haberá Velorio e Enterro da Sardiña na Casa de Pedra de Camariñas, o Enterro do Entroido por Coristanco e a Festa do Entroido de Baíñas.
Teremos tamén un par de citas musicais como o concerto de Serj en Camelle, ou a gran posta en marcha do Rebumbio Asosiasión Cultural con concertos en Aldea Madeira, Camariñas.
Pecharemos o Entroido o domingo e por Malpica, onde as tradicións se manteñen máis vivas que en ningures. Arrincaremos en Cerqueda co o Percorrido da Comitiva de Entroidos Madamitos e Ghuadineros. Ademais, en Seaia, teremos á hora de xantar o Cocido do Farruco que rematará... mal... Como o Faustino en Malpica, que despois de percorrer as rúas será queimado.
Iso si, a fin de semana pecharase, coma sempre, coa Sesión dominical no Concello de Vimianzo, que desta volta chega xa no Mes das Contadas, con Luma Gómez e un monólogo sobre a muller.
Máis información
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).