Unha copla polos 95 anos de Asunción Antelo, a Rexubeira de Bergantiños
Cumpre hoxe, 8 de agosto de 2014, 95 anos. A Rexubeira de Bergantiños, Asunción Antelo, será homenaxeada estes días polo BNG coristanqués, que a recoñece como “a nosa autora máis famosa nesta data tan significada e un luxo para o noso concello contarmos cunha autora da súa talla, cunha lucidez tan notábel a pesar do paso dos anos”.
O grupo está recuperando parte da súa obra a través do espazo www.descubrircoristanco.com, e ademais fará unha semna de actividades, homenaxeando conxuntamente a Asunción, como realizaran no mes de febreiro aproveitando os días de tributo a Rosalía.
A campaña, que nace coa intención de difundir a obra desta brava bergantiñá, comeza hoxe coa publicación do primeiro dos 7 vídeos que grabaron coas lecturas, por parte de ducias de veciños da zona, de poemas de Asunción.
Unha demostración de que Asunción Antelo é non só a poeta de Seavia senón de todo Coristanco. As quince parroquias do concello estarán representadas, ao longo da próxima semana, nesta lectura colectiva, tanto a través de persoas como dos moi fermosos recantos da nosa paisaxe.
A homenaxe comeza mañá coa difusión dun dos poemas máis significados da obra de Asunción: As miserias e traballos que eu pasei. O vídeo de lectura colectiva comeza coa propia Asunción Antelo (grazas, especialmente a ela e a quen a coida, pola súa inestimábel colaboración) e recollen o herdo dos seus versos numerosos/as veciños/as da súa Seavia natal e do conxunto do concello: Laura Mariño (Seavia), Isabel Rey (Seavia), José Antonio Andrade (Seavia), Marcos Barca (Xaviña), Carlos Tasende (Seavia), Mónica Martínez (Seavia), Noelia Negreira (Agualada), Margarita Torreira (Traba), Carmen García Pichel (Traba), Fina Bastón (Rececinde), Fina Pose (Cereo), Beatriz Rodríguez (Couso), Carmen Vecino (Valenza) e Luis Taibo (Seavia).
Este primeiro vídeo recolle fermosas paraxes, tanto da Seavia que viu nacer e medrar a Asunción (o seu museo, a súa horta, a igrexa...), como do conxunto do concello: Pazo de Ferreiro (Xaviña), igrexa de Santa Baia de Castro, refuxio de Verdes, Castro de Oca, Ponte Lubiáns (Oca), Ponte Dona (Cereo), Lagoa de Fonte Cova (Cuns) e río Calvar na Bouza Pereira (Valenza). Parabéns a Asunción Antelo no seu 95 aniversario, oxalá poidamos festexar moitos máis ao seu carón.
Máis información
- www.descubrircoristanco.com.
- Vieiros 2008: Entrevista en vídeo con Asunción Antelo.
Novas relacionadas
- 2010: Unha merecida homenaxe a Asunción Antelo, “A Rexubeira de Bergantiños”
- Os poetas populares de Cabana xa teñen o seu libro gracias á divulgación de Xosé Manuel Varela.
- E Rosalía tamén rendeu homenaxe a Fermín da Feiranova.
- A regueifa perde a Fermín da Feiranova, o máis antigo dos regueifeiros de Bergantiños.
- A regueifa revive en Xornes, berce da canteira retranqueira bergantiñá.
- Caldebarcos rima nos Muíños unha oda ao millo.
- Os pequenos vimianceses xa riman a golpe de regueifa.
- Xosé Manuel Varela e Fermín Calvo espallan a regueifa bergantiñá por Chantada.
- Música e literatura mesturáronse na polafía de Cabana.
- A “Polafía”, unha auténtica viaxe en vídeo pola tradición de Cerqueda.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).