Unha viaxe polo tempo dende o porto do Freixo


Espectacular a fin de semana na Serra de Outes. O Porto do Freixo viaxou no tempo e se convertiu no centro da recuperación patrimonial mariñeira no marco do XI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Máis de 100 embarcacións encheron de historia as augas da ría de Muros e Noia, e foron as protagonistas dunha fin de semana que tivo moitas máis actividades, sempre vinculadas ao patrimonio marítimo, como exposicións, charlas, concertos...
O encontro, que percorre o país cada dous anos, ten claros os seus obxectivos, como nos contaban Xesús Mato e Manuel Sendón, da Federación Galega da Cultura Marítima e Fluvial, organizadora xunto á Asociación Cívico-cultural Terra de Outes. Recuperación e dignidicación do patrimonio marítimo galego, a promoción turística ademais da a merecida e emotiva homenaxe aos carpinteiros de ribeira.
Ata 39 carpinteros de ribeira, aos que se lles adicou este ano o evento marítimo, estiveron no Encontro. Eles foron os verdadeiros protagonistas, e todas as actividades tiñan o ollo posto no seu recoñecemento. Foi o sábado cando a organización preparaba o acto central do Encontro, con esa homenaxe á labor destes auténticos artesáns. Ata estivo o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que reiterou a promesa de que as técnicas técnicas construtivas das embarcacións tradicionais galegas serán declaradas Ben de Interese Cultural.
A estampa do porto era así de fermosa. Máis de 100 embarcacións chegados de toda Galicia pero tamén de Portugal e do País Vasco, participaron nas sesións matutinas de navegación, e embeleceron o porto da Serra ata navegar polos tempos.
Pola noite, os concertos foron os protagonistas, con bandas galegas como Sés e Terbutalina na noite do venres, ou Son de seu, que fixeron un fermosísimo espectáculo na noite do sábado xunto a Os Cempés. Aí é nada, o cartel que tamén encheu de música a vila.
Agora, cómpre agardar a vindeira edición, que será dentro de 2 anos nalgún porto do país, probablemente na Costa da Morte como nos prometían os organizadores.
Se ben tendes unha completa galería de fotos do Encontro do Freixo no Flickr dos veciños de Certo, aquí vos deixamos cunhas fermosas imaxes que nos mandou a nosa fotocolaboradora Edita Cambeiro.








Máis información
Novas relacionadas
- “Percibimos un chisco máis de sensibilidade co patrimonio marítimo, pero non a suficiente”.
- O Muros mariñeiro viaxou no tempo.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).