mércores. 10.06.2026
El tiempo

O Concello de Zas consegue melloras nos centros educativos despois de meses de "presións, xestións e diálogo"

Canalons no CEIP ZAs
Os famosos canalóns no CPI Zas
O Concello de Zas consegue melloras nos centros educativos despois de meses de "presións, xestións e diálogo"

Falabamos en febreiro das responsabilidades arredor do mantemento e as rehabilitacións nos centros de ensino despois de que o Conselleiro negara unha partida para o CPI de Zas acusando ao Concello de falta de mantemento dos canalóns. Uns canalóns esfolados, que levaban 50 anos, como centro zaseiro, sen que a Xunta se implicase nunca na súa rehabilitación.

Despois da arenga de comunicados públicos entre Concello e Xunta, era hora de sentarse a negociar. Así o recoñeceu o goberno local, como lles explicaban esta semana o alcalde de Zas, Manuel Muíño, e a concelleira de Educación, Pilar García, ás familias das ANPAs do CEIP Labarta Pose e do CPI de Zas, así como cos directores de ambos os centros educativos. Nunha reunión celebrada esta semana informaron das negociacións abertas para superar as necesidades dos centros zaseiros.

Durante o encontro, o rexedor deu conta dos resultados da reunión que mantivo recentemente en Santiago co secretario xeral de Educación e co director territorial de Educación da Coruña, unha xuntanza promovida polo Concello para trasladar de primeira man as demandas da comunidade educativa e reclamar solucións para problemas que veñen sendo motivo de preocupación desde hai tempo. 

26.000 euros "inmediatos" da Consellería

Grazas a estas xestións e a colaboración das ANPAS e direccións dos dous centros acadáronse diversos compromisos que permitirán acometer actuacións de mellora nos dous centros educativos do concello. 

No CEIP Labarta Pose de Baio realizaranse durante este verán actuacións para selar ventás e substituír o falso teito do comedor, cun investimento de arredor de 6.000 euros. Ademais, conseguiuse o compromiso de que antes de finalizar o ano quede redactado o proxecto para a renovación da cuberta exterior do comedor, unha intervención de maior envergadura. Este paso permitirá avanzar cara á súa licitación a comezos de 2027 e executar posteriormente as obras. 

Pola súa banda, no CPI de Zas substituiranse este verán os famosos canalóns interiores de desaugadoiro, cun investimento próximo aos 20.000 euros. Segundo os informes técnicos, o deterioro destes elementos é a principal causa das filtracións e goteiras que afectan ao edificio. 

Investimentos municipais

Ademais destas actuacións, o Concello de Zas comprometeuse a seguir realizando investimentos propios para mellorar as condicións dos centros educativos, mesmo en cuestións que exceden as competencias municipais. 

No CPI de Zas acometerase a substitución das pranchas deterioradas do patio cuberto exterior e da súa varanda, ademais de estudar solucións para evitar que a choiva inutilice este espazo debido á acumulación de auga no pavimento. Tamén se revisarán os elementos do sistema de calefacción que presentan un importante desgaste derivado da corrosión e da súa antigüidade, co obxectivo de garantir o seu correcto funcionamento. 
No caso do CEIP Labarta Pose, o Concello renovará a superficie da pista polideportiva situada no recinto escolar, que ademais continuará aberta fóra do horario lectivo para o seu uso pola infancia e mocidade de Baio. Tamén se actuará para mellorar a seguridade na zona de chegada e saída do transporte escolar, evitando a interferencia dos vehículos particulares e eliminando as pozas que se forman na área onde descenden os escolares. 
 

Máis novas

Comentarios