Sábado. 21.09.2024
El tiempo

A historia do Fútbol da Costa chega á Coruña

A historia do Fútbol da Costa chega á Coruña
Presentacion do Libro da Historia do Futbol da Costa na Coruna

O xoves 28 de abril, ás 20:00 horas, presentarase na Coruña no local de PORTAS ÁRTABRAS, (Sinagoga 22, Tras a Colexiata-Cidade Vella) o libro “50 anos da historia do fútbol da Costa (1964-2014)”, da autoría de Xosé Mª Rei e Xosé Mª Lema, que serán presentados por Felipe-Senén López e Xurxo Souto.

Os autores non van facer unha simple presentación do libro, senón que, mediante a proxección de imaxes, tentarán ligar a historia do fútbol da Costa da Morte con episodios da historia comarcal e, nalgún caso, mesmo de España e de Europa (por exemplo, un campamento militar que houbo en Baio en 1943-1944, alí instalado para vixiar a cota por temor a un desembarque aliado durante a Segunda Guerra mundial). Trátase dunha verdadeira “enciclopedia do fútbol da Costa”, como a cualificou algún crítico, un relato comentado temporada a temporada desde a primeira temporada oficial da Liga da Costa (1963-64) á actualidade, cunha chea de anécdotas curiosas –ás veces graciosas- que contribúen a darlle amenidade a esta obra, na que os autores botaron máis de tres anos de investigación en hemerotecas e tamén valéndose de testemuños orais. O ámbito da Costa abarca unhas 60 localidades, desde Caión, Carballo e Malpica a Muros, Outes e Noia: comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira, Comarca de Fisterra, Xallas e ría de Muros e Noia. O contido do libro non se limita á historia oficial dos 50 últimos anos, pois comeza cunha ‘Prehistoria’ moi interesante na que se reproducen as primeiras crónicas de partidos de fútbol entre equipos da Costa da Morte nas décadas de 1920 e 1930, crónicas tomadas non só dos xornais coruñeses da época (La Voz de Galicia, El Ideal Gallego), senón de revistas dos emigrantes en Buenos Aires (Arxentina), como El Correo de Galicia ou Alborada (esta da sociedade ABC do partido de Corcubión). Nestas crónicas aínda se escribía á inglesa foot-ball, referee (árbitro) ou kick-off (saque de honor). Eran partidos que se celebraban polas festas patronais de cada localidade. Tamén hai unha ‘Historia Antiga’; é dicir: os partidos amigables que se empezaron a disputar unha vez rematada a Guerra Civil nos anos 40 e 50, cando as camisolas eran as de uso diario, as botas de zapateiro remendón, os balóns cunha amarralla que zorregaba nas testas e as porterías sen rede. Tamén se falará da creación do farol vermello, histórico trofeo destinado ó fechacancelas da clasificación, que na Costa se veu aceptando con moito humor e deportividade. O club que o creou, o C.D. Baio, mesmo o incorporou á súa insignia. Deste xeito, esta liga de modestos acabou creando un mito, de tal xeito que en dúas historias do fútbol galego publicadas recentemente (Historia do fútbol galego, 1997, de Anxo Varela e Todo sobre o fútbol galego, 2012, de Carlos Freire) conta cun lugar especial entre a Liga Española e a Liga de Campións europea. Todo indica que, como dixo o escritor Xelucho Abella, a da Costa “é algo máis ca unha simple liga de modestos”.

  • Novas relacionadas

    Artigos relacionados sobre a historia do Fútbol da Costa

    Fonte

    • Redacción de QPC ([email protected]).

  • Comentarios